
Os Grupos de Emerxencia Supramunicipal, GES, continuarán exercendo os seus servizos coas funcións máis delitimitadas e concretas, tras o acordo acadado na reunión da Comisión de Seguemento na que se debatiu o futuro destes grupos, na xornada de onte xoves 29 de novembro. Nesta comisión teñen representación todas as partes implicadas no futuro dos GES, os concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, a Dirección Xeral de Administración Local, a Dirección Xeral de Emerxencias, a Dirección Xeral de Montes e as deputacións.
Entre todos, lograban un acordo do que o presidente da Fegamp, Alfredo García sentiuse satisfeito porque «é un servizo tremendamente necesario e ademais imprescindible para completar o mapa de emerxencias de Galicia». O presidente do ente municipal tamén explicou que «ten sido un arduo proceso no que a Fegamp leva traballado a reo pola continuidade dos GES coa celebración de diferentes reunións nos últimos meses».
En canto ao financiamento, será aumentado ata 280.000 euros ao ano por cada GES, dos que en concreto a Xunta asumirá un 52%. Alfredo García quixo destacar o esforzo financeiro de deputacións e concellos que asumen un 40% e un 7,5 % respectivamente.
En canto ás funcións, o presidente explicou a súa conformidade co novo texto: «alegrámonos do acordo alcanzado en canto ás funcións que desempeñarán, xa que penso que o novo texto aclara e concreta moito mellor as tarefas que poderán e deberán realizar para os seus municipios», concretou.
Desde os servizos xurídicos da Xunta deberán agora traballar de forma acelerada para firmar o novo convenio de colaboración antes do fin de 2018, que é a data na que se extingue o convenio vixente para estes grupos.