martes. 10.06.2025

A Xunta axudará ao viticultores afectados polas xeadas

portada

A Xunta de Galicia acordou abrir unha nova liña de axudas mobilizando 10 millóns de euros para apoiar ao sector vitivinícola galego. O principal obxectivo é xerar unha maior liquidez a autónomos, sociedades civís, cooperativas e sociedades mercantís con tamaño de pequena e mediana empresa.

A iniciativa -promovida polas Consellerías de Economía, Emprego e Industria a través do Igape e do medio rural-, aprobouse onte no Consello da Xunta e contribúe a bonificar os tipos de xuro e facer fronte ás garantías requiridas polas entidades bancarias ás empresas do sector. Neste sentido, os apoios buscan rebaixar os xuros tanto para préstamos concedidos para o refinanciamento de pasivos como para acceso a circulante.

O prazo para o refinanciamento será, como mínimo, de 3 anos. En ambos casos, cando a operación leve incorporado aval dunha Sociedade de Garantía Recíproca (SGR), compensarase a comisión de constitución. Ademais, cando a operación sexa de outorgamento de circulante, o Igape reavalará ás propias SGR o 25% do risco. Esta é unha das medidas postas en marcha dende a Xunta de Galicia para atallar os danos provocados polas xeadas.

A Consellería do Medio Rural traballa xa na elaboración dunha orde de axudas á replantación, para que todos aqueles viticultores que perdan plantas poidan asegurar a produción dos próximos anos.

A nivel técnico, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que depende da Consellería do Medio Rural, fixo tamén unha serie de recomendacións técnicas para que os viticultores soubesen como actuar sobre as súas viñas, así como unhas xornadas nas que se lles explicaron estas prácticas sobre o terreo.

A titular de Medio Rural, Ángeles Vázquez, está en conversacións co ministerio, que se mostrou sensible con esta cuestión e estudará unha nova rebaixa fiscal para as zonas afectadas e outras posibilidades de colaboración, por exemplo, a través de financiamento de circulante e a unificación dos tipos de interese.

Unións Agrarias cifrou en 2,9 millóns de euros os danos ocasionados polas xeadas en viñedos da Denominación de Orixe Valdeorras, afectando ao 80% das vides. Ante esta situación, os concellos afectados iniciaron os trámites para documentar a solicitude de zona de desastre natural, co fin de poñer en marcha mecanismos de compensación económica.

Proposición non de lei

Os parlamentarios ourensanos Moisés Blanco, José González, César Fernández e Carlos Gómez veñen de presentar unha Proposición Non de Ley no Parlamento Galego que recolle ata nove propostas de actuacións para paliar os danos que as xeadas provocaron nos viñedos.

Moisés Blanco indicou que tralas reunións mantidas cos afectados nas catro denominacións de orixe e xunto cos datos da avaliación realizada pola Consellería do Medio Rural, os danos polas xeadas alcanzan o o 90 % dos viñedos en Monterrei; entre o 60 e o 70 % en Valdeorras; o 30 % no Ribeiro; e un 20 % na Ribeira Sacra.

A Proposición Non de Ley pide habilitar todos os mecanismos ao seu alcance para que técnicos especializados asesoren aos viticultores na repoda e recuperación dos viñedos, como se está a facer a través da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.

Tamén se solicita realizar todas as actuacións precisas para que estas xeadas sexan consideradas como “fenómeno climático adverso”, como paso previo á posible concesión de axudas aos produtores afectados.

No tocante ás actuacións futuras, a proposta plantexa impulsar de maneira decidida a contratación de seguros contra xeadas e outros riscos excepcionais que afectan ás explotacións agrícolas. Piden tamén que nos plans de mellora que todos los anos elabora a Xunta de Galicia se priorice a instalación de sistemas anti xeadas, así como tamén que nas axudas e concesión de dereitos de plantación se conceda prioridade ás plantacións que se realicen en zonas que pola súa altitude, orientación e ventilación estean menos expostas ás xeadas.

A Xunta axudará ao viticultores afectados polas xeadas