
O Teatro Principal acolleu este sábado, 9 de setembro, o XXIII Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia, no que 35 persoas recibiron as medallas de prata e bronce e un diploma de recoñecemento á súa colaboración con esta entidade social de referencia nacional e internacional.
Entre estas persoas atopábase unha delegación de Cruz Vermella de Valdeorras, a súa presidenta, María Victoria Núñez; o anterior presidente, Mino Alonso; ademais das voluntarias Belén López e Aurora Dacal.

O presidente da Deputación, Luis Menor, participou no acto, adiado durante varios anos por mor da pandemia, e aproveitou para dar os parabéns a todas as persoas homenaxeadas, que "dannos unha lección de xenerosidade e solidariedade que, hoxe, ten o seu merecido recoñecemento".

Luis Menor fixo un repaso á historia da Cruz Vermella en Ourense, moi vencellada á da Deputación, tanto así que esta entidade social foi fundada o 21 de outubro de 1893 no salón de plenos da institución provincial e ocupou locais cedidos pola Deputación ata 1996, data do seu traslado á sede actual. O presidente ratificou o compromiso da institución provincial con este organismo, "cooperando desde sempre e como así seguirá sendo".

Repasou tamén o traballo desenvolvido por ambas institucións, "con moitos puntos en común" como a intervención social en favor das persoas e colectivos máis desfavorecidos". Neste sentido citou os programas e servizos dirixidos aos concellos de menos de 20.000 habitantes baixo o principio da cooperación, entre eles o BenOurense Infancia, o Servizo de Axuda no Fogar, a Teleasistencia 24 horas ou o Plan provincial contra a Soidade non desexada.

Por último, o presidente da Deputación quixo expresar o seu sincero agradecemento aos voluntarios polo seu traballo, aos que asegurou máxima colaboración desde a institución provincial e dos que dixo "sodes imprescindibles" .
