martes. 19.03.2024
antolín (1)
Antolín Rodríguez Alonso

Era a túa frase favorita para responder cando sabías que a verdade non che conviña ou ía facer dano a quen cha facía. Si, ese eras ti, un home de paz ao que non lle gustaban as leas. Todo che estaba ben. E se non era así buscabas a maneira de acomodalo ao teu gusto sen facerlle dano a ninguén.

Antolín, Tolín, Toli, Tolincho, O Chuco ,O Caseiro e ata Barús; o corazón non che collía no peito. De eterno sorriso, o teu saúdo era: «Que tal amigo?» (Non sei se porque eran amigos ou porque tiñas tantos que non recordabas os nomes de todos).

antolín (1)
Coa guitarra facía festa da festa

Xastre, taxista, bombeiro, directivo do Rúa, catador de viños, músico... e «vendedor de homes» (que non era outra cousa que representante artístico ou o que contrataba as festas). Pero ti dicíalo así porque ese bo carácter levábate a andar de seguido facendo bromas, sobre todo de ti mesmo. Os que te coñeceron ben recordarán o caderniño gardado na carteira onde estaban os chistes anotados por si faltaba algún á hora de contalos. E, antes de acabar non faltaba a sonora risa, que tiña un efecto contaxioso nos que te escoitábamos.

Non faltaba un prato na mesa para a familia e os amigos, pero tamén para descoñecidos e, sobre todo, para os teus clientes, as comisións de festas. Todas recordan as túas «merendas» na bodega, coas que os agasallabas porque tamén eras home agradecido. 

antolín (1)
Nunha desas celebracións familiares

Con centos de carnés no peto para axudar a calquera colectivo que cho pedira porque a xenerosidade era outra das túas virtudes. Comprabas na tenda das vilas onde che facían as festas porque había que «axudalos». Socio de non sei cantos clubs da zona e asociacións... Camisetas de Musicales Antolín creo que hai por todo o mundo. O que viña pedir a túa porta nunca ía de baleiro. Uns devolvéroncho e outros, como ti dicías, «faille más falta que a nós», aínda sabendo que non era certo.

Eras un home rico, e non porque tiveras moitos cartos, senón porque te conformabas con pouco: unha comida rica e un bico agarimoso eran suficientes. Todo estaba ben. Nunca malgastaches un peso pero tampouco nunca lle faltou nada aos que estiveron ao teu redor, a todos.

Un pouco pícaro e testán, facías o que che petaba, pero creo que sen ofender nin facer dano a ninguén. Conseguías case sempre o que querías e se non que llo pregunten as comisións de festas ou os que te rodeábamos.

Foi moi fácil vivir contigo, sobre todo nestes últimos  tempos. Sempre o «moi ben» estaba na boca e o «eu que sei» cando non che pintaba por onde se encarrilaba o asunto. Á pregunta: «Que tal estás?» sempre había a mesma resposta: «Muy bien, muy bien», aínda que ás veces nin por asomo era así.

Non che tocaba, pero a morte elixiute e hoxe deixáchesnos. Se non tiveras estado habería que inventarte.

Bo pai e mellor persoa, sei que sempre estarás con nós pero xa te boto moito de menos.

A túa filla

antolín (2)
Hai tres días falando cun amigo de Barcelona

Eu que sei?