lunes. 02.06.2025

Estudantes de Valdeorras e Viana do Bolo competirán na VI Ciberliga para mellorar en ciberseguridade

O IES Lauro Olmo e o IES Carlos Casares participan na iniciativa da Garda Civil para formar ao alumnado en competencias dixitais

A VI Ciberliga 2024/25, impulsada pola Garda Civil en colaboración coa Xunta de Galicia, formará a estudantes de 4º da ESO en ciberseguridade e uso responsable das novas tecnoloxías. Entre os centros galegos elixidos para participar nesta edición destacan o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, que ofrecerán esta oportunidade educativa a un grupo de estudantes comprometidos en afondar nas competencias dixitais.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou a relevancia da iniciativa durante a presentación oficial no IES Alfredo Brañas. Segundo Fernández, a Ciberliga busca non só educar en ciberseguridade senón tamén xerar unha contorna segura e motivadora para a aprendizaxe das novas tecnoloxías. Cun enfoque práctico e lúdico, esta competición impulsa que o alumnado desenvolva habilidades clave, integrando entretemento e formación para os retos dixitais de hoxe en día.

A estrutura da liga contempla unha fase clasificatoria en liña, que terá lugar entre o 25 e o 29 de novembro. Neste período, cada centro elixirá a data e a hora que mellor se axusten á súa organización, e os estudantes recibirán formación a través de sesións teóricas e prácticas transmitidas en streaming. Ao remate da formación, participarán nun ciber-reto que avaliará as súas destrezas e coñecementos en seguridade dixital. Aqueles equipos con maior puntuación nos respectivos centros avanzarán á fase final galega.

Os mellores cinco equipos serán seleccionados para representar a Galicia na final nacional, que se celebrará na Academia de Oficiais da Garda Civil en Aranjuez (Madrid) en marzo de 2025. Esta última fase incluirá retos presenciais, actividades complementarias e novos exercicios prácticos que permitirán aos estudantes consolidar as súas habilidades en ciberseguridade.

A Ciberliga, que involucra este ano a 51 centros e 1.400 estudantes en Galicia, complementa outras iniciativas dixitais da Xunta, como Pegada Dixital e Navega con rumbo, enmarcándose tamén na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025. Estas propostas son clave para o benestar dixital do alumnado e promoven unha interacción segura e consciente no mundo dixital, un obxectivo que tamén comparten as comunidades educativas de O Barco de Valdeorras e Viana do Bolo.

Estudantes de Valdeorras e Viana do Bolo competirán na VI Ciberliga para mellorar en...