No acto inaugural da VIII Xornada de convivencia das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia de Ourense celebrada en Ribadavia , participaron ao redor de 500 persoas pertencentes a 70 agrupacións de Galicia e con representación doutros puntos de España.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Interior, Diego Calvo, presente na xuntanza, destacou a fortaleza colectiva dos membros destes servizos de emerxencias municipais. Tamén estiveron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; e o presidente da Deputación de Ourense, Luís menor.

As agrupacións de voluntariado de Valdeorras, Terras de Trives e Viana estiveron presentes no acto no que o membro de Protección Civil do Barco, Rui Miguel Serra Pires, «DJ» recibiu a insignia que acredita levar 5 anos na agrupación do Barco de Valdeorras.

Diego Calvo, na súa intervención, incidiu no agradecemento ao esforzo, xenerosidade e compromiso das persoas que forman parte destas agrupacións e que comparten o obxectivo de velar pola seguridade e o benestar da cidadanía. Neste sentido, lembrou que en 2023 estes colectivos realizaron máis de 50.000 operativos en toda Galicia, boa parte deles en fins de semana ou datas sinaladas, demostrando a súa dedicación cando máis se precisa e xerando tranquilidade na poboación.

Para o conselleiro, a actuación altruísta deste persoal voluntario en festas e eventos multitudinarios, renunciando a desfrutar deles, ou en emerxencias como temporais, inundacións ou incendios, arriscando a súa seguridade, poñen de manifesto o seu sentido do deber e a súa xenerosidade. A maiores, apuntou que a masiva asistencia á xornada de hoxe proba tamén o compañeirismo que caracteriza este colectivo e permite comprobar “canta xente hai disposta a dar o mellor de si polos demais”.

Pola súa banda, o presidente provincial recalcou que esta xornada foi «a mellor que hai en España»: tanto pola cantidade de xente que xunta e que está relacionada coas emerxencias, como pola calidade das actividades, da coordinación e dos lazos de convivencia que se fan entre os participantes.

Neste sentido, o presidente da Deputación dixo sentirse "orgullo" de que isto ocorra en Ourense e faga que esta provincia estea "extraordinariamente segura". Este acto de apertura demostra o "poder que ten a organización para congregarnos a todos nós aquí" dando boa conta que esta Xornada está "arraigada na nosa sociedade", dixo Luis Menor, quen comprometeu a súa "implicación persoal" para facer que esta xornada "non só se manteña, senón que se supere cada ano".

Así mesmo, o presidente provincial subliñou que esta xornada tamén permite que desde as administracións como desde a sociedade civil "se recoñeza o voso traballo e esforzo, que realizades a cambio do orgullo de axudar aos demais". Un traballo, que como lembrou Luis Menor, é fundamental para poder acometer moitos dos operativos de emerxencias que acontecen no territorio.

Por elo, desde as administracións "debemos estar á altura dese traballo, como así o fai a Xunta, xa que a Comunidade de Galicia é a que máis colabora coas Agrupacións de Protección Civil". E, ao fío dese compromiso das administracións, Luis Menor lembrou que o apoio da Deputación é unha realidade que se reforzou coa "posta en marcha, por primeira vez, dunha nova liña de axudas para colaborar cos gastos de funcionamento".

A apertura das xornadas foi na Casa da Cultura de Ribadavia, onde tamén se deron cita o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo; os alcaldes de Ribadavia e de Cortegada, César Fernández e Avelino Luis de Francisco, respectivamente; o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva; o delegado en Ourense, Manuel Pardo; e o presidente da asociación de Agrupacións de Protección Civil de Ourense, Clemente Pérez.

Liñas de apoio da Xunta
Diego Calvo reafirmou o apoio da Xunta ás AVPC para facilitarlles o desenvolvemento do seu traballo coa máxima eficacia e seguridade. Así, contan con diferentes liñas de axuda que supuxeron un investimento superior aos 24 millóns de euros nos últimos anos. Este financiamento permitiulles reforzar o seu equipamento coa adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a prol da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario. A isto súmase unha liña anual de axudas destinada ao mantemento da súa actividade, que ascende a 340.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos.
A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Ao longo do último ano houbo case un cento de accións formativas nas que participaron 2.000 persoas.