sábado. 20.04.2024
somoscomarca_incendio_arcos_fuego_2022-06-16 (2)
Cesa o lume en Larouco pero actívase un novo incendio en Pradoalbar (Vilariño de Conso)

Segundo recolle o parte  da Consellería do Medio Rural deste sábado 18 de xuño, permanece activo o incendio no concello de Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar, que afecta unhas 10 hectáreas do parque natural do Invernadoiro e está controlado o lume rexistrado no concello de Larouco que afecta unhas 140 hectáreas.

O lume de Pradoalbar permanece activo desde as 20.08 h. de onte, 17 de xuño,  e afecta o parque natural do Invernadoiro. Segundo as últimas estimacións, a superficie que leva ardido é de 10 hectáreas. No lugar levan traballando no seu control 2 axentes, 5 brigadas, 1 motobomba, 3 helicópteros e 2 avións.

Pradoalbar, Vilariño de Conso
Pradoalbar, Vilariño de Conso

 

O lume rexistrado no concello de Larouco, quedou controlado ás 23.40 h. de onte, tras comezar o xoves ás 7.26 h. da mañá. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie dunhas 140 hectáreas. Na súa extinción mobilizáronse ata o de agora 20 axentes, 36 brigadas, 25 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 2 avións.

Larouco incendio no Alto do Viso (Alto da Ermida) (1)
Larouco incendio no Alto do Viso (Alto da Ermida) (1)

O lume de Seadur —que se iniciaba o mércores ás 20.59 horas— quedou extinguido ás 20.43 horas da tarde do 17 de xuño. Segundo as últimas medicións realizadas co GPS baixa a superficie afectada respecto ás previsións iniciais. Afectou unha superficie de 80,93 hectáreas, das cales 77,43 ha foron de monte raso e 3,5 ha arboradas. Na súa extinción traballaron 1 técnico, 16 axentes, 29 brigadas, 28 motobombas, 1 pa, 4 helicópteros e 2 avións.

somoscomarca_seadur_incendio_2022
Superficie ardida en Seadur

Larouco viu arder máis de 250 hectáreas en menos de 48 horas. A tormenta eléctrica do pasado mércores provocaba varios focos de incendio que debido ás altas temperaturas e o vento compricou a situación. 

Na mañá do xoves parecía que chegara a calma pero nada máis lexos da realidade. A medida que o día avanzaba a situación complicábase, e moito, «houbo momentos nos que o único que podiamos facer era mirar e deixar arder», declaraba a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, a Somos Comarca. O fume tampouco axudou e fixo imposible o traballo dos medios aéreos durante algún tempo.  

Larouco incendio no Alto do Viso (Alto da Ermida) (2)
Fume dos incendios de Larouco vistos desde Roblido a tarde do xoves

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Cesa o lume en Larouco pero actívase un novo incendio en Pradoalbar (Vilariño de Conso)