Adeus ao Entroido! A troula remata, pero a tradición segue viva
Xa se queimaron os Lardeiros e Lardeiras, e esta tarde toca poñerse de luto para chorar porque o Entroido vaise, levando con el a troula e a diversión. Só queda o Enterro da Sardiña e pouco máis... Ben, na Veiga aínda se resistirán uns días máis coa Xuntanza de Fulións este sábado.
O Entroido é unha das festas máis importantes do ano, onde a tradición, a música e a gastronomía enchen as rúas de ledicia. Os folións fan tremer as rúas, mentres as mázcaras enchen de maxia cada vila e aldea. Entre Charrelos, Boteiros, Xigantes e fariñadas, viviuse a esencia desta festa ancestral.
Atrás quedan as foliadas, os desfiles, as comparsas, os permisos e, por suposto, as festas gastronómicas que fan do Entroido algo máis ca unha festa: a Androlla en Viana, o Cabrito en Vilariño, a Soá na Veiga, o xantar popular de Manzaneda, o Cocido da Rúa, o Porco ao Espeto en Vilariño… Cada vila e cada aldea tivo o seu propio xeito de festexar, e todas compartiron o mesmo espírito: ledicia, tradición e ganas de vivir o Entroido con intensidade.
Agora só queda esperar un ano máis para volver escoitar os bombos, ver os boteiros correr polas rúas e sentir o espírito do Entroido en cada recuncho da comarca.
Viana do Bolo: A esencia do Entroido
Viana do Bolo vivió un Entroido cargado de cor e música, cunha intensa programación que comezou co desfile dos fulións e boteiros. A fariña foi protagonista nunha batalla tradicional que reuniu a veciños e visitantes. O punto culminante foi a queima dos Lardeiros á medianoite, seguida dunha gran festa con baile e concurso de disfraces. Hoxe Mércores de Cinza celébrase o Enterro da Sardiña, despedindo as festas cunha sardiñada popular.
Vilariño de Conso: A tradición dos fulións
O Entroido de Vilariño de Conso destaca polos seus fulións e pola Festa do Cabrito. Durante varios días, os bombos e aixadas resoaron polas rüas, nunha manifestación de cultura e identidade cuxa apoteose foi o desfile que reuniu a máis de 2000 persoas, o sábado. Un dos momentos máis esperados foi a degustación do "Porco ao espeto", seguida da queima dos lardeiros na noite do Martes de Entroido.
Manzaneda: Non se corre, báilase
Os fulións e as rondas encheron de son e tradición as aldeas da contorna de Manzaneda. O gran desfile do Martes de Entroido foi unha explosión de cor e enerxía, cunha notable participación de comparsas e grupos. Para poñer o broche de ouro, celebrouse un xantar popular no pavillón.
A Rúa: Entre comparsas e sardiñas
Na Rúa, o desfile de comparsas percorreu as rúas entre o Campogrande e a Praza da Estación, enchendo de música e ledicia o municipio. Por primeira vez realizouse un xantar popular o Martes de Entroido, onde o cocido foi o protagonista.
Hoxe Mércores de Cinza terá lugar o Enterro da Sardiña, cun emotivo velorio no atrio de Santo Estevo, seguido da despedida final na Praza César Conti.
Petín: O Entroido dos pequenos
Os máis pequenos foron os protagonistas en Petín, onde se organizou unha festa infantil con disfraces e inchables no Teleclub. O pavillón foi o epicentro da celebración, garantindo un día cheo de xogos e alegría para os nenos da localidade.
Días antes a xuntanza de folións que foi por partida dobre, por unha banda a do Folión de Petín e por outra a dos Arrieros fixeron tremer as rúas desde as adegas de Santiago ata a zona do Toural.
O Barco de Valdeorras: Un desfile multitudinario
O Barco celebrou un Entroido multitudinario cun desfile de 22 comparsas e preto de 600 participantes. A festa continuou na Praza Maior cun gran baile, amenizado por DJs e charangas. O Entroido Infantil reuniu aos máis pequenos con espectáculos de paiasos e actividades lúdicas. O Enterro da Sardiña porá fin, esta tarde, ás festividades cunha representación teatral e reparto de pan e chourizo.
A Veiga: A festa da Soá
A Veiga acolleu un desfile de comparsas e fulións que percorreu as principais rúas da vila. A XXI Festa da Soá foi un dos eventos máis esperados, reunindo a veciños e visitantes ao redor da gastronomía tradicional. As celebracións prolongaranse ata o domingo coa Xuntanza de Fulións, pechando unha semana de festa e identidade cultural.
O Bolo: A volta das figuras tradicionais
O Bolo está a recuperar o esplendor da súa tradición, destacando o fulión de Buxán con máis de douscentos anos de historia e as emblemáticas figuras do Touro e o Xigante. A festa reuniu diferentes grupos e xeracións nun pasarrúas cheo de cor e son. Para rematar a xornada, unha pinchada no polideportivo puxo o broche final a un día de música, baile e identidade cultural.
Rubiá: Un desfile cheo de ritmo
Rubiá festexou o seu Entroido cun desfile de comparsas que percorreu as rúas dende A Baicela ata o pavillón, onde continuou a festa. A animación dunha charanga aportou o ritmo festivo, facendo que a xornada fose unha verdadeira explosión de cor e ledicia.
Quiroga e Trives: A ledicia das comparsas
Quiroga celebrou o seu desfile con sete comparsas e gran participación de disfraces individuais. Pola súa parte, en Trives, as comparsas saíron á rúa o Martes de Entroido, enchendo de ledicia a vila.
O remate do Entroido
Hoxe, Mércores de Cinza, pónse fin ao Entroido cunha despedida especial. O Enterro da Sardiña terá lugar na Praza Maior do Barco, na Praza César Conti da Rúa, En Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Ademais, ás cero horas, queimáronse os Lardeiros e Lardeiras en localidades como Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Manzaneda e A Veiga, marcando o fin desta intensa e colorida celebración.