sábado. 07.06.2025

O Barco celebra un Entroido cheo de cor, música e diversión

Máis de 600 participantes desfilaron polas rúas con comparsas cheas de orixinalidade

O Barco de Valdeorras viviu un Entroido espectacular cun desfile que percorreu as rúas desde a zona do Hospital ata a Praza Maior, enchendo o ambiente de alegría e moita cor. O evento contou coa participación de máis de 600 persoas distribuídas en 22 comparsas, ademais dun público entregado, moitos deles tamén disfrazados.

somoscomarca_obarco_entroido_desfilecomparsas_2025  (2)
Él tamén animou ca filarmónica e a pandeireta

A saída tivo lugar, pasadas as sete e media da tarde, desde o Hospital Comarcal, co ritmo marcado pola charanga Os Pendellos. Tal e como asegurou a concelleira de Cultura nunha entrevista previa realizada por Ana Domingo para o espazo "+d1" dedicado ao Entroido, "a marcha está garantida". Ao finalizar o desfile, na Praza Maior, entregáronse os premios aos mellores disfraces e a música continuou coa sesión dos DJ Fru e DJ Barrancas.

somoscomarca_obarco_entroido_desfilecomparsas_2025  (49)
Simpática cadela disfrazada de sevillana

A charanga abriu o desfile animando a festa, seguida polos Minións do colexio Otero Pedrayo de Viloira, cos máis pequenos viaxando nun remolque. Este non foi o único grupo que escolleu este disfraz, pois a ANPA Julio Gurriarán e Condesa de Fenosa tamén se sumaron á onda amarela.

somoscomarca_obarco_entroido_desfilecomparsas_2025  (82)
Folión os arrieros

Outro dos disfraces máis populares foron os coches de choque, que estiveron representados polas comparsas de Cógomo e Morea. Pola súa parte, a ANPA do colexio Divina Pastora apostou pola temática romana, desfilando baixo o estandarte "Legio Guigurros".

somoscomarca_obarco_entroido_desfilecomparsas_2025  (16)
Os foraxidos do Oeste

Un dos grupos máis animados foi "Os Nasarre", que homenaxearon a Eva Nasarre, a icónica presentadora que puxo a España a facer ximnasia nos anos 80. Con maillots, medias de cores e calentadores, fixeron unha demostración de que están en forma xa que non pararon de facer coreografías todo o treito.

 

A comparsa máis colorida foi sen dúbida "Figueira Circus" de Rubiá, que fixo malabares, xirou pratos chineses e puxo a cantar ao público con cancións dos Payasos da Tele. Tampouco faltaron o son e o ruído do Folión "Os Arrieros", mentres que "Os Plátanos" de Asfabal, cunha casete portátil, fixeron unha versión máis silenciosa pero igualmente festiva.

somoscomarca_obarco_entroido_desfilecomparsas_2025  (3)
Os Nasarre en plena actuación

Outras comparsas destacadas foron "Avellas en Loita, Invasoras Fóra!", que fixeron referencia ás velutinas, e "Trangalladas", onde os participantes se disfrazaron de lámpadas, mesas camilla e outros elementos do fogar. "Sementando Sorrisos" apostou pola temática floral, enchendo o desfile de xardíns ambulantes.

 

O Club Natación Valdeorras protagonizou unha divertida clase maxistral sobre as diferentes modalidades de natación, mentres que a Asociación de Mulleres O Teixadal sorprendeu montando a lombos de pelícanos.

somoscomarca_obarco_entroido_desfilecomparsas_2025  (36)
Os Minions

Por último, non faltou o lonxano Oeste, cun grupo caracterizado á perfección, incluíndo algún que outro pistoleiro "buscado".

 

O Entroido do Barco 2024 volveu demostrar que a festa, a imaxinación e o bo humor seguen máis vivos ca nunca.

O Barco celebra un Entroido cheo de cor, música e diversión