A mañá do domingo 2 de marzo, Viana do Bolo converteuse no epicentro da festa e a tradición cun impresionante desfile de fulións que percorreu as súa rúa e praza maior. Nunha xornada marcada polo sol pero cun aire fresco, un total de 21 fulións fixeron resoar os seus bombos e aixadas, dous deles con carroza (Cabo da Vila e Punxeiro), ofrecendo unha espectacular exhibición que se prolongou durante case catro horas.

O desfile arrancou arredor das once e media da mañá co Folión do Tameirón e pechouse despois das tres da tarde co de Fradelo. Entre eles, foron pasando pola vila os fulións de Grixoa, Quintela de Edroso, Fornelos de Cova, Cabo da Vila, Penouta, Quintela do Pando, Santa Mariña, As Carrelas, Punxeiro, Fornelos de Filloás, Bembibre, Buxán, Alternativo, Mormentelos, A Veiga, Os Arrieiros de Petín, Os Labregos, Vilariño de Conso e Vilarmeao. As rúas de Viana enchéronse de música, baile e o característico son dos bombos e as aixadas, facendo vibrar aos milleiros de asistentes que se congregaron para gozar desta festividade tan arraigada.

O alcalde de Viana, Andrés Montesinos, recibiu nesta xornada especial a diversas autoridades, entre as que se atopaban o director xeral de Turismo, Xosé Merelles, representantes da Deputación de Ourense e os alcaldes de A Veiga, San Xoán de Río e Larouco.
Un dos elementos máis singulares do Entroido de Viana do Bolo é a figura do Boteiro, un personaxe que abre paso aos fulións coa súa impoñente presenza e chamativa vestimenta. "Cada municipio ten a súa propia versión do Boteiro, con diferenzas no traxe e na máscara, pero todos comparten o mesmo espírito festivo", destacaron os organizadores. Ademais, a praza maior converteuse no epicentro da festa, onde os Boteiros e Mázcaras engadiron a cor e a enerxía propia desta celebración.

Xosé Manuel Merelles, director xeral de Turismo, subliñou hai uns días a importancia destas festas non só para manter vivas as tradicións culturais, senón tamén para dinamizar a economía local. «O Entroido converteuse nun dos grandes atractivos do inverno, xerando un impacto positivo no turismo e consolidando Galicia como un destino que vai máis alá da tempada estival», sinalou.

Neste sentido, Turismo de Galicia está a impulsar estas festas con diferentes iniciativas, como o apoio institucional, a promoción dixital e a elaboración dunha guía cos Entroidos de Interese Turístico en Galicia. Ademais, a candidatura de Viana do Bolo, Manzaneda e Vilariño de Conso para obter o recoñecemento a nivel nacional segue avanzando co respaldo firme da Xunta, que xa iniciou os trámites necesarios para acadar esta distinción.
Un ano máis, o Entroido de Viana do Bolo demostra ser unha das festividades máis esperadas e celebradas, cunha combinación perfecta de tradición, espectáculo e paixón polo Entroido.