En Casaio, onde a paisaxe combina a beleza salvaxe coa pegada da actividade mineira, a arte está a atopar unha nova forma de arraigar. Non chega de fóra nin se impón: nace do propio territorio.
Ese é o camiño que está a trazar Pedro Aarón Álvarez Pérez, Ordecaos, un creador difícil de encasillar que converte muros en relatos. «É un enclave único… todo un privilexio que me chamaran para isto», explica mentres percorremos coa imaxinación as súas intervencións, integradas nunha contorna onde natureza e memoria industrial conviven.
Nos últimos anos, Casaio foi acollendo varios murais do artista, nun proxecto que continúa medrando. «Levamos catro murais xa en Casaio… seguramente fagamos un quinto este ano», adianta.
A liberdade creativa foi clave neste proceso. Grazas a ela, puido trasladar ao mural unha linguaxe máis persoal, ligada tamén ao seu traballo como tatuador. «Quería trasladar un pouco o que fago no tatuaxe á parede… que se entenda como un estilo único».
Un dos murais máis rechamantes xira arredor da auga, con formas orgánicas, carpas e unha figura feminina que emerxe do conxunto. A obra parte dunha lenda local, reinterpretada. «Está un pouquiño baseado na lagoa da Serpe… pero non querían que saíse a serpe, entón hai carpas».
A elección das cores tamén responde ao contexto. «Querían tons máis vivos… pola contaminación das augas da zona». O resultado é unha composición que se adapta ao propio muro, longo e sinuoso, obrigando a quen a observa a percorrela.
Noutro dos traballos, varias cabezas de cabalo constrúen unha sensación de movemento continuo. «Non había forma de colocar un único animal… entón esa sucesión leva a pensar en varios cabalos correndo ao mesmo tempo».
A elección conecta tamén coa súa historia persoal. «A miña familia era de tratantes de cabalos… é algo que sempre me chamou traballar».
O bosque de teixos aparece noutra intervención, escuro e fragmentado, habitado por cervos, lobos e xabaríns que apenas se deixan ver por completo. «Quería que fose unha vista fragmentada de algo moito máis amplo», sinala. A intención non é mostrar todo, senón suxerir, deixar espazo á interpretación.
O percorrido complétase cun mural inspirado na mina de Valborraz, onde o artista adopta un enfoque máis realista. «É máis a parte artesanal… a creativa queda un pouco máis relegada», recoñece. Aínda así, reivindica a súa pegada na execución. «A forma de traballar, a pincelada… iso si que ten algo meu».
O mural da mina de Valborraz está composto por catro imaxes nas que se poden ver distintas escenas: nunha, as edificacións; noutra, un traballador; noutra, unha das construcións ardendo; e na última, os traballadores saíndo da mina. Xunto á sinatura do autor, inclúese un agradecemento a Aurelio Blanco Trincado, que proporcionou boa parte da información sobre a explotación mineira, e a Patricia Friedrich Kock, filla dun dos últimos encargados da mina, quen achegou fotografías e un valioso testemuño.
A relación co territorio é constante, pero Orde Caos procura manter certa distancia para non caer no exceso emocional. «Procuro non caer demasiado no sentimentalismo… ás veces fai que non transmitas o que realmente queres dicir».
En Casaio, os muros deixan de ser só superficies. Convértense en memoria, en relato e en diálogo. «Non é só o que eu quero expresar… é o que se crea co que está mirando». Un diálogo que nace da terra e, como a súa propia obra, tamén queda nela.
O proxecto naceu por encargo da Asociación de Montes de Casaio, que apostou por integrar a arte no territorio como unha forma de poñer en valor a súa identidade. Unha iniciativa que transforma os muros en pinceladas de vida e do sentir dun pobo e que converte Casaio nun espazo para mirar con calma.
Porque ás veces non se trata só de ver, senón de entender. A invitación queda aberta: achegarse, percorrer estes murais e descubrir esta maneira de contar —e de sentir— a cultura desde dentro, desde a terra.
Conversa completa con Pedro Álvarez no seu estudio de tatuaxes:



