O Camiño de Inverno, entre os destinos galegos que se promocionarán este ano en Fitur

Galicia levará a Madrid máis de 50 propostas turísticas, cunha presenza destacada dos itinerarios que levan a Santiago de Compostela de cara ao Xacobeo 2027

Galicia volverá estar presente un ano máis en Fitur, unha das feiras internacionais de turismo máis importantes do mundo, cunha ampla programación que incluirá máis de 50 presentacións de destinos e produtos turísticos. Entre eles atópase o Camiño de Inverno —que este 2026 cumpre dez anos—, unha ruta xacobea de especial relevancia para comarcas como Valdeorras, por onde discorre este itinerario alternativo ao Camiño Francés.

A comunidade galega acudirá á cita, que se celebrará do 21 ao 25 de xaneiro no recinto de Ifema (Madrid), cun stand propio no pavillón 9 e cunha axenda centrada nos tres primeiros días no público profesional. Durante a fin de semana, a feira abrirá as súas portas ao público xeral. A proposta galega busca reforzar un modelo turístico sostible, responsable e de calidade, no que se pon en valor a identidade dos territorios e a diversidade da oferta.

O Camiño de Inverno será un dos protagonistas da programación dedicada aos itinerarios xacobeos, un eixo estratéxico que cobra aínda máis importancia coa vista posta no Xacobeo 2027. Trátase dunha ruta histórica que atravesa Valdeorras e outras comarcas do interior, ofrecendo ao peregrino unha alternativa menos masificada, cun forte vencello á paisaxe, ao patrimonio e á cultura local.

Xunto a esta ruta, tamén se presentarán en Fitur outros camiños como o Portugués da Costa, o Fisterra-Muxía ou o Camiño Francés, ademais de proxectos de cooperación que buscan reforzar o seu posicionamento como atractivo turístico internacional durante todo o ano.

A programación galega en Fitur incluirá tamén a promoción dos xeodestinos, do turismo cultural, termal, deportivo e gastronómico, así como iniciativas singulares como a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade ou os itinerarios enogastronómicos. Deputacións, concellos e entidades sectoriais amosarán a riqueza natural e patrimonial de Galicia cunha aposta clara pola desestacionalización.

Con esta presenza en Fitur, Galicia reafirma o seu compromiso cun turismo diversificado e sostible, no que propostas como o Camiño de Inverno se consolidan como unha oportunidade para dinamizar economicamente o rural e dar visibilidade a comarcas como Valdeorras dentro do mapa turístico internacional.