jueves. 18.04.2024
somoscomarca_trazadocamiño_vilamartin_señalizacion_2021-10-0
Acordo unánime no Parlamento para demarcar o Camiño de Inverno

 O BNG acada un acordo unánime, a través dunha proposición non de lei defendida pola deputada nacionalista, María Albert para delimitar o Camiño de Inverno.

A proposta  do BNG que inclúe unha emenda de engádea do Partido popular, insta á Xunta, "incoar o procedemento de delimitación do trazado do Camiño de Inverno en virtude do artigo 76 da Lei 5/2016 do 4 de maio, de Patrimonio Cultural de Galicia, dando prioridade ás rutas principais que foron recoñecidas previamente".

Asemade, o Goberno galego debe «promover a modificación do Plan Básico Autonómico corrixindo o trazado do Camiño de Inverno aló onde xurdan discordancias co trazado entre o trazado inicialmente previsto e o definido na delimitación definitiva do mesmo».

Na súa intervención, a deputada do BNG lembrou que a  delimitación do Camiño de Inverno está a supoñer  «problemas entre concellos e mesmo se están a dar casos como a apertura dunha pista por fincas  privadas no Concello de Vilamartín de Valdeorras, a instancias do alcalde da Rúa e sen permiso nin coñecemento  do propio concello afectado».

Por outra parte, indicou que a non delimitación do Camiño de Inverno está a frear o desenvolvemento económico das comarcas polas que transcorre. «Hai unha evidente parálise no investimento ante o temor da xente emprendedora a facer investimentos nun trazado que pode ser modificado con posterioridade».

Neste sentido, afirmou que «o Camiño de Inverno  é unha posibilidade para comarcas como Valdeorras» e preguntou si ademais da propaganda do Xacobeo a Xunta ten algún "interese real" polos diversos camiños. Os camiños, recalcou "deféndense con feitos e con orzamentos".

María Albert criticou a sinalización do camiño e puxo como exemplo os que figuran no concello da Rúa "mirando para Madrid" en vez de orientar aos e ás camiñantes cara Santiago de Compostela.

A deputada mostrou a súa satisfacción polo apoio dos grupos parlamentarios á proposta nacionalista e subliñou que dende o BNG «permaneceremos atentos a que o acordo se cumpra» porque a día de hoxe, non hai ningún expediente incoado.

Acordo unánime no Parlamento para demarcar o Camiño de Inverno