viernes. 06.06.2025

A Xunta e o Concello da Veiga avanzan na recuperación de terras neste municipio

O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantiveron unha reunión de traballo co alcalde desta localidade

 

somoscomarca_xunta-reuniónalcaldeaveiga_2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse este venres co alcalde da Veiga, Juan Anta.

Na xuntanza, que tivo lugar na Delegación territorial da Xunta en Ourense, abordáronse diferentes temas de interese para o rural deste municipio, especialmente no que atinxe á posta en valor do territorio a través dos diferentes instrumentos que facilita a vixente Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Así, avanzouse no desenvolvemento do proxecto da aldea modelo de Meixide, situada neste concello, e máis concretamente na recuperación da súa contorna urbana. Para esta iniciativa, o Concello dispón do apoio da Consellería do Medio Rural, que ademais de achegar fondos vai impulsar tamén a investigación da titularidade das edificacións, co fin de completar o proceso de rehabilitación.

Tamén en materia de recuperación da terra, avaliouse ademais a posibilidade de poñer en marcha un polígono agroforestal na zona de Santa Cristina, centrado na gandaría, e tratouse, así mesmo, a mellora das diferentes infraestruturas rurais deste concello. Asemade, falouse da posibilidade de recuperar áreas de soutos de castiñeiros no termo municipal.

Por último, en relación coa loita contra os incendios forestais, na reunión analizáronse tamén os traballos, actualmente en marcha, de creación dunha base operativa para o persoal do Servizo de prevención, que se leva a cabo en virtude dun convenio asinado entre a Xunta e o Concello.

A Xunta e o Concello da Veiga avanzan na recuperación de terras neste municipio