viernes. 19.04.2024
somoscomarca_ges_aveiga_2022-01-27 (1)
A Xunta colabora no funcionamento e reforzo do equipamento do GES da Veiga

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de A Veiga, que a Xunta apoia asumindo máis da metade do seu funcionamento  ademais do reforzo do seu equipamento con material coma o camión autobomba rural pesada (BRP) entregado o pasado xuño, no que investiu case 200.000 euros para mellorar a eficacia nas súas intervencións.

O GES da Veiga foi un dos 6 novos servizos creados o ano pasado no marco da Comisión de Seguimento dos GES -da que forman parte a Xunta, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)- co obxectivo de reducir os tempos de resposta en situacións de risco. 

Ademais deste grupo -que da cobertura aos concellos de A Veiga, O Bolo, Viana do Bolo e Vilariño de Conso– tamén se creou na provincia ourensá outro GES con base no concello de Maceda para atender aos municipios de Maceda, Baños de Molgas, Esgos, Paderne de Allariz, Vilar de Barrio, Xunqueira de Espadanedo e Xunqueira de Ambía. A eles sumáronse en 2021 os GES de A Cañiza, A Lama e Mos/Redondela, na provincia de Pontevedra, xunto co servizo municipal do concello coruñés de Noia.

Esta mesma semana a Xunta asinou coa Deputación de Ourense e a Fegamp o convenio a través do cal a Xunta asumirá máis da metade do custo de funcionamento anual dos GES da provincia ourensá, con máis de 1,9 millóns de euros dos máis de 3,7 millóns que supón o orzamento do acordo cada un dos tres anos polos que se asina e incluíndo as melloras propostas pola Xunta.

Aínda que se trata dunha competencia dos concellos e as deputacións, a Xunta colabora no funcionamento dos GES desde a súa creación en 2013 con máis de 40 millóns de euros investidos. Ademais, entre os 8 millóns cedidos pola Xunta para reforzar o material de emerxencia destes grupos e os máis de 11 millóns destinados ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, o investimento do Goberno galego para mellorar o equipamento dos servizos de emerxencias achégase aos 20 millóns de euros.

somoscomarca_ges_aveiga_2022-01-27 (2)

Santiago Villanueva destacou a importancia da labor dos GES na prevención dos lumes e como complemento aos servizos de emerxencias na súa extinción e incidiu na necesidade da colaboración das administracións co obxectivo de dotar aos profesionais destes servizos do equipamento necesario para garantir a súa seguridade nas súas intervencións e, por ende, a dos seus veciños. 

Ademais de apoiar aos servizos de emerxencia da comunidade, tanto na dotación de equipamento como no seu funcionamento, a Xunta contribúe á formación dos servizos de emerxencias desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

A Xunta colabora no funcionamento e reforzo do equipamento do GES da Veiga