O Concello da Veiga recibiu este venres a visita da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, quen fixo entrega dunha vivenda rehabilitada ao abeiro das axudas da Xunta para recuperar edificios de titularidade municipal. Acompañada polo alcalde, Juan Anta, e outras autoridades, a conselleira destacou o compromiso do ente autonómico coa vivenda no rural e co desenvolvemento dos pequenos concellos.
Logo de dar a coñecer o proxecto visitaron Castromarigo e Castromao, para comprobar o estado das vivendas e falar coa xente que agora as habita.
Un esforzo conxunto para revitalizar A Veiga
Durante o acto, o alcalde Juan Anta quixo subliñar a importancia destas axudas para un concello como A Veiga, con 29 aldeas e unha ampla extensión territorial. Destacou que grazas ao apoio da Xunta foi posible rehabilitar 17 vivendas mestres, ademais de poñer en marcha dous programas de rehabilitación, un deles financiado integramente pola Xunta cunha dotación de 450.000 euros para a mellora de vivendas privadas. «Este tipo de iniciativas permiten que a inversión total na Veiga supere o millón de euros, o que é fundamental para a fixación de poboación e o dinamismo do concello», afirmou Anta.

Ademais, puxo en valor que das 17 vivendas rehabilitadas, todas están ocupadas agás unha, que se atopa en fase de asignación. Tamén destacou a colaboración de propietarios privados, que contribuíron cun esforzo adicional que eleva a inversión total a case dous millóns de euros. «Creemos que este é o camiño correcto e estamos moi agradecidos, porque supón un impacto social e económico de gran transcendencia», subliñou o rexedor, na súa intervención.
O compromiso da Xunta co rural
Pola súa parte, a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, resaltou que A Veiga é un referente en Galicia en materia de rehabilitación de vivenda e fixación de poboación no rural. Lembrou que o concello recibiu preto dun millón de euros en axudas, dos cales 700.000 euros se destinaron á rehabilitación de vivendas de titularidade municipal para ofrecer alugueiros a prezos accesibles.

A conselleira subliñou que a Xunta ten aberta unha liña de axudas para concellos de menos de 30.000 habitantes, cunha contía de ata 50.000 euros por vivenda rehabilitada e incentivos adicionais para zonas como a Ribeira Sacra ou o Camiño de Santiago. Ademais, anunciou que no mes de abril se convocará o Fondo de Cooperación, que ofrecerá préstamos a interese cero para proxectos de urbanización e rehabilitación de inmobles.

«A Veiga é un exemplo de como a rehabilitación pode axudar a revitalizar os concellos pequenos e contribuír á fixación de poboación», asegurou a conselleira, quen destacou que a Xunta segue apostando por proxectos coma este para garantir vivendas dignas no rural galego.

Agradecemento e compromiso de futuro
Para rematar o acto, o alcalde Juan Anta reiterou o seu agradecemento á Xunta, non só pola achega económica, senón polo traballo constante do equipo da consellería, sempre disposto a colaborar e buscar solucións para o concello.

Tamén quixo destacar que, a pesar de non contar cun casco histórico, a Xunta recoñece a singularidade da alta montaña da Veiga, permitindo que o concello acceda a estas axudas. «Seguiremos traballando para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e consolidar A Veiga como un referente en rehabilitación de vivenda», concluíu Anta.

A visita da conselleira rematou cun percorrido por outra vivenda en fase de rehabilitación, onde se comprobou o avance das obras e o impacto positivo que estas iniciativas están a ter no municipio.
Visita as vivendas de Castromarigo e Castromao
A coselleira xunto ao alcalde visitou tres vivendas en Castromarigo e unha en Castromao. As da primeira parroquia están todas habitadas, nunha delas vive Angel Requejo e Cristina Tiscal que chegaron de Guadalajara e Madrid, entraron nunha infravivenda e agora comprárona, van recibir unha achega nos próximos días para arranxar o tellado.
No seguinte vídeo Ángel e Cristina falan coa conselleira e o alcalde: