sábado. 27.06.2026

Trevinca volveu erguer a voz da montaña no seu día grande

O Club Montañas de Trevinca celebrou o seu 24 aniversario cunha marcha ao teito de Galicia para reivindicar a protección dun dos espazos naturais máis valiosos do país
Cholo_03
Cholo_03

A montaña máis alta de Galicia volveu converterse este sábado no escenario dunha das citas máis simbólicas do montañismo galego. O Club de Montañismo Montañas de Trevinca celebrou o seu 24 aniversario coincidindo co Día da Montaña Galega, unha xornada que reuniu un grupo de montañeiros nun percorrido de 24,8 quilómetros entre Vilanova, o Pico do Maluro, o Lombo do Rocín, A Valigota, Pena Trevinca, Sestil Alto e regreso a Vilanova.

Máis alá da propia marcha, a celebración mantivo intacto o espírito co que naceu hai xa vinte e catro anos, reivindicar o valor das montañas galegas, divulgar a súa riqueza natural e lembrar que Trevinca é moito máis ca un destino para practicar deporte. É un patrimonio natural que cómpre coñecer, respectar e conservar.

somoscomarca_20240618_trevinca_cholo_diadelamontaña (8)
somoscomarca_20240618_trevinca_cholo_diadelamontaña (8)

Detrás desta iniciativa atópase Antonio Fernández, "Cholo", técnico deportivo en alpinismo, montañismo e escalada, quen leva máis de tres décadas vivindo en Vilanova tras cambiar a cidade pola montaña.

«A montaña representa para min a liberdade interior, a conversa cun mesmo e o reencontro coa natureza. Podo vivir sen moitas cousas, pero sen a montaña non», explica.

O seu namoramento pola montaña comezou sendo apenas un rapaz. Aos doce anos descubriu o montañismo e aos dezasete ingresou no club Montañeiros Celtas. Anos despois tomou unha decisión que lle cambiaría a vida: deixar atrás a cidade para instalarse definitivamente aos pés do teito de Galicia. «Vin vivir a Vilanova porque entendín que a miña vida tiña que transcorrer nunha montaña e non nunha cidade», lembra.

Foi precisamente desde Trevinca onde iniciou tamén unha intensa loita pola conservación deste espazo natural. Ao longo destes anos participou na defensa do macizo fronte a distintos proxectos que ameazaban a súa contorna e continúa reclamando unha protección acorde co extraordinario valor ambiental deste territorio.

somoscomarca_20240618_trevinca_cholo_diadelamontaña (11)

Segundo explica, a idea do Día da Montaña Galega xurdiu da convicción de que Galicia debía contar cunha xornada propia para reivindicar as súas montañas. «Aquí nacen os ríos, aquí refúxiase o mellor da natureza. Tiñamos que darlle ás montañas galegas a importancia que merecen», sinala.

A primeira edición permanece gravada na memoria dos participantes. Naquela ocasión, un grupo de novos gaiteiros da Veiga cargou cos seus instrumentos ata Pena Trevinca para interpretar na cima a marcha procesional do antigo Reino de Galicia. «Foi un dos momentos máis emocionantes da miña vida. A música soando en Pena Trevinca foi algo que me sobrepasou», confesa.

Desde entón, esta celebración converteuse nun acto de reivindicación silenciosa. Lonxe das grandes concentracións, o club apostou sempre por grupos reducidos para minimizar o impacto sobre a montaña. «Non queremos masificación. A natureza pode beneficiar aos negocios que viven arredor dela, pero se non está protexida acaba sendo a gran prexudicada», advirte.

Unha mensaxe que cobra aínda máis sentido nun momento no que o turismo de natureza continúa medrando. Para Cholo, a clave está na educación ambiental. «Hai que coñecer a montaña para respectala. E hai que respectala porque o que se estraga na natureza xa non ten recuperación posible. Todo aquilo que se ama, deféndese», afirma.

Esa filosofía é precisamente a que guía o Club Montañas de Trevinca desde a súa creación. Ademais das actividades deportivas e formativas, o colectivo mantén como principal obxectivo divulgar, conservar e protexer un dos espazos naturais máis valiosos de Galicia, insistindo tamén na necesidade de que o macizo sexa declarado definitivamente Parque Natural.

O Día da Montaña Galega rematou un ano máis coa mesma mensaxe coa que naceu hai vinte e catro anos: que subir a Pena Trevinca non consiste unicamente en alcanzar o teito de Galicia, senón en comprender o privilexio que supón contar cun espazo natural desta riqueza. Porque, como lembra Cholo, «todo aquilo que se ama, deféndese».

Tu prueba Premium ha finalizado

Trevinca volveu erguer a voz da montaña no seu día grande