sábado. 02.05.2026

Trevinca–A Veiga prepárase para unha eclipse histórica con novas actividades divulgativas en maio

O territorio aspira a converterse nun dos mellores lugares de Galicia para observar o fenómeno do 12 de agosto de 2026
somoscomarca_aveiga_observatorio (21)

O concello de A Veiga continúa a reforzar a súa aposta polo astroturismo cunha programación específica arredor da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, un fenómeno excepcional que non se repetirá en Galicia ata o ano 2180.

A zona de Trevinca sitúase como un dos puntos privilexiados para a súa observación. Dentro da franxa de totalidade, a eclipse poderá verse con especial intensidade neste territorio, cunha duración que oscilará entre os 39 e os 54 segundos, dependendo da localización. «É unha oportunidade única na vida para ver desde Galicia unha eclipse total de Sol», destaca Óscar Blanco, director do Centro Astronómico de Trevinca.

Segundo lembra o divulgador, un fenómeno destas características non se produce en Galicia desde comezos do século XX, e tras o evento de 2026 haberá que agardar máis de século e medio para volver presenciar algo semellante.

Un enclave privilexiado para mirar ao ceo

Ademais da súa situación xeográfica, Trevinca conta con condicións especialmente favorables para a observación. A súa altitude media, por riba dos 1.000 metros, e unha baixa probabilidade de nebulosidade —arredor do 15 % segundo datos climatolóxicos— convérteno nun destino ideal para este tipo de eventos.

A eclipse comezará ás 19:33 horas e acadará a totalidade arredor das 20:30. A iso súmase un atractivo adicional: a coincidencia co pico de actividade das Perseidas, nun territorio recoñecido co certificado Starlight pola calidade do seu ceo nocturno.

Maio, mes clave para prepararse

Dentro desta estratexia, o Concello da Veiga continúa coas actividades divulgativas iniciadas en febreiro e programa para maio novas propostas abertas tanto á veciñanza como ao público visitante.

Unha das citas destacadas serán as xornadas “Galicia, porta de entrada da eclipse”, organizadas por Turismo de Galicia en colaboración coa Deputación de Ourense e o Concello. O encontro reunirá profesionais do sector turístico, medios de comunicación e especialistas para analizar o impacto do fenómeno desde o punto de vista científico e turístico.

A apertura institucional contará coa participación do alcalde, Juan Anta Rodríguez, e representantes do destino Starlight Trevinca, xunto a responsables da administración autonómica e do Clúster de Turismo de Galicia.

somoscomarca_aveiga_fasesdoeclipse

Durante a xornada abordaranse cuestións como a observación segura da eclipse, a súa explicación científica ou as claves para a súa fotografía, da man de especialistas como os monitores Starlight Begoña Estévez e Antonio Pazos ou o astrofotógrafo Fernando Rey Daluz.

O programa completarase cunha mesa redonda na que participarán expertos en turismo, divulgación científica e seguridade viaria, así como cunha actividade práctica de observación solar e un simulacro da eclipse.

Formación práctica para o público

O calendario de maio inclúe tamén o II Obradoiro sobre a eclipse solar de 2026, que se celebrará o día 16 no Centro Astronómico de Trevinca. A actividade, impartida por Óscar Blanco, combinará contidos teóricos e prácticos para preparar ás persoas participantes.

O obradoiro permitirá coñecer o funcionamento dos eclipses, técnicas de observación segura, consellos para fotografía e gravación, así como recomendacións para seguir o fenómeno en familia. A sesión incluirá tamén observación solar con telescopio e unha simulación da eclipse no planetario.

A xornada completarase cunha visita guiada ao centro, que inclúe proxeccións, explicacións divulgativas e observación astronómica, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Un destino que mira ao futuro

O Concello da Veiga prevé continuar nos vindeiros meses con novas propostas vinculadas ao evento, consolidando Trevinca como un destino de referencia para a observación do ceo en Galicia.

somoscomarca_aveiga_horariotreneseclipse

A eclipse de 2026 non será só un espectáculo astronómico. Para este territorio, supón tamén unha oportunidade para atraer visitantes, dinamizar o rural e poñer en valor un dos seus maiores recursos: a calidade excepcional do seu ceo.

Toda a información actualizada pode consultarse na web do Centro Astronómico de Trevinca ou contactando coa Oficina de información turística (turismo@aveiga.gal).

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

Trevinca–A Veiga prepárase para unha eclipse histórica con novas actividades...