O territorio das Terras Altas de Trevinca volveu calzarse as raquetas de neve para descubrir as espectaculares paisaxes que deixa a montaña cuberta de branco. Esta fin de semana retomáronse as actividades guiadas, aproveitando as condicións favorables que ofreceu a neve na parte alta do macizo.
Na xornada de onte participou un grupo procedente de Vimianzo e da costa, que puido gozar dunha experiencia única en contacto coa natureza. A neve atopábase por riba dos 2.000 metros de altitude e o día comezou con boas condicións, aínda que co paso das horas fixeron acto de presenza o vento e as nubes.
A pesar diso, a valoración foi moi positiva. «A xente marchou moi contenta e con ganas de repetir», subliña Juanjo Lorenzo, guía local de montaña no territorio de Trevinca.
Hoxe a estampa foi aínda máis invernal, con todo o entorno completamente nevado e un espesor que oscila entre os cinco e os dez centímetros. Localidades como Xares amenceron cubertas de neve, deixando imaxes propias do inverno máis auténtico.
As actividades continúan este luns cun novo grupo, neste caso procedente de Ourense. «Disfrutarán desta paisaxe tan fantástica que temos agora mesmo», destaca o guía.
De cara á vindeira fin de semana está previsto que volvan organizarse máis saídas con raquetas de neve. Tras as datas do Nadal, pensadas para pasar en familia, a baixada térmica que se prevé para os próximos días permitirá conservar a neve, converténdose nun revulsivo tanto para empresas de turismo activo como para a estación de montaña de Manzaneda.
Se as condicións se manteñen, desde Terras Altas de Trevinca confían en poder ofrecer esta actividade, polo menos, ata a festividade de Reis.
