
Rematou onte, 16 de xullo, o campamento astronómico que se realizou na Veiga que foi unha das novidades da Xunta da campaña de verán deste ano 2022. Estivo activo desde o 9 ao 16 de xullo e edirixiuse a mozos de entre 11 e 14 anos.
As actividades que conformaron este campamento, que tivo lugar no albergue Montañas de Trevinca, centrouse en roteiros de sendeirismo, un observatorio astronómico, actividades de multiaventura no encoro de Prada —piragüismo ou paseos en bicicletas de auga— e outras actividades culturais, tradicionais e agrícolas.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou aos mozos e mozas que participaron esta semana no Campamento Astronómico
Durante a súa visita, a directora xeral destacou o carácter educativo que, sen perder de vista o lecer, define a estes campamentos. Ademais, lembrou que representan unha importante oportunidade de conciliación para as familias, que poden compaxinar a súa vida laboral coa persoal ao tempo que os seus nenos e nenas están ben atendidos.

Cristina Pichel aproveitou a súa visita á Veiga para coñecer tamén o campo de voluntariado de Larouco, no que participan 15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos. O programa, de marcado carácter arqueolóxico, inclúe actuacións no xacemento do Castrillón, así como actividades complementarias como o estudo da fauna e flora da contorna.

Máis de 10.800 prazas
Ambas iniciativas forman parte da campaña de verán da Xunta que, baixo o lema O verán que queres contar, ofrece a mozos de todas as idades un total de máis de 10.800 prazas, a maior oferta da historia.
