A Xunta de Galicia continúa a consolidar o enoturismo como un dos piares do desenvolvemento turístico no interior galego cun investimento de máis de 177.000 euros na adega Joaquín Rebolledo, situada no concello da Rúa, no corazón da comarca de Valdeorras. A achega permite a creación de novas experiencias vitivinícolas e a mellora de espazos destinados á recepción de visitantes, no marco dunha liña de axudas autonómicas dotada con 5,5 millóns de euros.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou as instalacións da adega, onde puxo en valor o compromiso do Goberno galego cun sector que, só en Valdeorras, recibiu preto de 400.000 euros en apoios públicos. Segundo destacou, trátase dun investimento que «serve para impulsar o enoturismo da comarca» e que se integra nunha estratexia máis ampla na que a Xunta leva mobilizados máis de 2,8 millóns de euros en distintos proxectos turísticos no territorio.
Durante a visita, Merelles subliñou que estas actuacións abranguen desde a promoción do xeodestino Valdeorras ata intervencións no Camiño de Santiago de Inverno ou a posta en valor de recursos turísticos en concellos como O Bolo, Larouco, A Veiga, Carballeda de Valdeorras e Petín.
Ao tempo, lamentou a falta de avances no saneamento das Pinguelas, tras máis dun ano da sinatura do protocolo entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello da Rúa. «É unha mágoa o desinterese e a falta de compromiso nesta actuación que sumaría importantes recursos turísticos para atraer máis visitantes á Rúa», afirmou.
O proxecto desenvolvido na adega Joaquín Rebolledo céntrase na renovación de dous espazos emblemáticos —A Cova e a Sala de Catas, antiga destilería— dentro da iniciativa ‘Espazo dos sentidos do viño’. O obxectivo é adecuar estas instalacións aos novos estándares de calidade e convertelas no eixo dunha oferta enoturística baseada na tradición, no patrimonio e na experiencia sensorial.
Neste contexto, o responsable da adega, José Ramón Rodríguez Castellanos, salientou o valor patrimonial do espazo das Pinguelas, definido como «unha xoia a nivel arquitectónico» pola utilización de materiais tradicionais como o canto rodado dos ríos, o castiñeiro ou a lousa. «É un paso máis para volver ao esencial, á sinxeleza, ás variedades autóctonas e á elaboración tradicional do viño», explicou, amosando o seu orgullo polo resultado dunha intervención «coidada, feita con moito mimo».
A nova oferta enoturística incluirá visitas ás instalacións, actividades de deseño de etiquetas, picnics entre viñedos, experiencias de ‘adegueiro por un día’ —coa plantación dunha vide—, música en directo e exposicións temporais, cunha posta en marcha prevista para febreiro.
Pola súa banda, Xosé Merelles cualificou esta actuación como «un exemplo de bo uso dos fondos Next Generation» e destacou que o enoturismo se está a converter «nun complemento ideal para as economías das adegas, da restauración e dos establecementos turísticos». Segundo indicou, os visitantes motivados pola gastronomía e o viño superan amplamente o gasto medio turístico, o que converte este segmento nun mercado estratéxico para Galicia.
Estas axudas forman parte do Plan territorial de sustentabilidade turística de Enogastronomía de Galicia, integrado nun programa global de 34 millóns de euros financiado con fondos europeos. En Valdeorras, este plan concrétase no PSTD ‘Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria’, cun investimento de 1,5 millóns de euros, ademais doutras liñas destinadas á mobilidade sostible, proxectos tractores e á creación dun Gastro Hub vinculado ao Centro Superior de Hostalería de Galicia.
O conxunto destas iniciativas aliñase coa Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que sitúa a gastronomía e a enoloxía como recursos turísticos de primeira orde. Cun sector vitivinícola en expansión, un patrimonio singular como as covas tradicionais e un crecente interese polas experiencias auténticas, Valdeorras busca consolidarse como un referente do enoturismo en Galicia e no conxunto do Estado.
