O alumnado do colexio Manuel Respino da Rúa celebrou o Día da Paz seguindo o fío da cultura Hippie —polo seu estilo de vida comunitario e o seu rexeitamento á guerra—. Leron poemas, realizaron colgantes da paz e da amizade, organizaron un Photocall de gafas da paz, cantaron e bailaron “Libertad” de Nil Montanier, fixeron voar as cometas da Paz, traballaron a unidade didáctica “Día escolar da non violencia e da paz” e remataron o día lendo un manifesto pola Paz.
Manifesto do Manuel Respino no Día da Paz
O día 30 de xaneiro celébrase nos centros educativos o “Día escolar da non violencia e da paz”. Este día conmemorase o aniversario da morte de Mahatma Ghandi (India, 1869 – 1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pácifica fronte a inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas.
A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz son motivos para lembrar o 30 de xaneiro. Pero a paz non é só un día de xaneiro. A paz constrúese día a día. Todos nós debemos traballar para convivir en paz no noso colexio e nas nosas familias.
A paz consiste en derrubar os muros da incomunicación, o illamento, o desprezo e o abandono ao que son sometidas moitas persoas próximas a nós, na nosa contorna, no colexio, na rúa, á beira da nosa casa… Sabemos que é posible cambiar o mundo se cada un de nós pon un pouquiño da súa parte, por iso, dende o CEIP Manuel Respino, convidamos a toda a cidadanía e ás institucións democráticas a fortalecer o seu compromiso coa Cultura de Non Violencia e Paz, que implica: O respecto á vida, o fin da violencia e a promoción e práctica da non violencia por medio do diálogo, a cooperación, e en especial da educación para a Tolerancia e a Paz. O respecto pleno á dignidade da persoa e a defensa e promoción dos Dereitos Humanos e as liberdades fundamentais, así como o compromiso coa resolución pacífica dos conflitos. O respecto da igualdade de dereitos e oportunidades de mulleres e homes, e do dereito de todas as persoas á liberdade de expresión, opinión e información, impedindo toda forma de abuso e agresión escudados nas mesmas. O respecto e a promoción da solidariedade e do dereito ao desenvolvemento humano e á protección do medio ambiente para as xeracións presentes e futuras. -A adhesión aos principios de liberdade, xustiza, tolerancia, cooperación, pluralismo, diversidade cultural e social, diálogo e entendemento… favorecendo sempre a paz e a non violencia.
En consecuencia, lembramos, neste importante día, ás comunidades educativas, a xornalistas, políticos, intelectuais, artistas e a toda a cidadanía en xeral, a responsabilidade que todos temos no compromiso de facer visible a paz, para que no mundo exista unha boa relación entre todas as persoas que nel convivimos.
Para rematar, convidamos neste “Día Escolar da non violencia e da paz” a traballar e comprometerse por facer realidade aquilo que o preámbulo da UNESCO declara e afirma, lembrándonos que “posto que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes onde deben de erixirse os baluartes da paz”.
Fotos cedidas polo colexio