
A ponte do 1 de maio e unha primavera en plena efervescencia vai provocar que desexemos saír da casa e pasalo ben a toda costa. Porén, o Bravo Lux da Rúa é un deses locais que se adianta para colmar esas ansias programando uns carteis de eventos espectaculares. Cartel que nesta ocasión comparte, nos concertos de tarde, co Bar Norte.
Nesta ocasión, e sen faltar á cita cos DJ polas noites, ofrecerá na terraza dous concertos moi interesantes os días 29 e 30 de abril. Nestas sesións de tardeo, ás 20:30 h., actuarán nas terrazas dos devanditos locais, o dúo Farsantes (29), e o xa amigo da casa, Dani Barreiro (30).
Farsantes nace como alternativa á banda ourensá de versións "En mala hora". Composto por Toño Varela (Guitarra e voz) e David Quintas (guitarra e coros), Farsantes fai un repaso en acústico dos clásicos do pop rock, incluíndo temas de música moderna. No repertorio de case dúas horas poderase atopar desde Mediterraneo de Serrat, Juan Perro ata versións de formacións máis modernas como Morgan, Leiva, Fito e fitipaldis, etc. Trátase, en definitiva dun repertorio feito cunha enerxía que non pasará desapercibida para o público que se achegue.
Co músico de Vilagarcía, Dani Barreiro, gozarase da música de artistas tan dispares como Andrés Dobarro, Juan Pardo, o rués Magín Blanco, Loquillo, Gabinete Caligari, Duncan Dhu, Andrés Calamaro, Quique González, Coque Malla, Joaquin Sabina… pasando por Rosendo, Burning ou Los Secretos. Variando o seu ecléctico repertorio case seguro incluirá temas clásicos internacionais de diferentes artistas como Johnny Cash, Neil Young, Neil Diamond, REM, Depeche Mode, Rolling Stones, The Beatles, etc.
As propostas anteriores chegan para gozar do ‘tardeo’, pero non queda aí a cousa. Para os amantes da música urbana, que gusten da noite e da música ben tirada, haberá tres noites de festa no Bravo Lux. A primeira, o mesmo venres 28 na que pinchará DJ Tariro, un clásico xa do local chegado dende Viana do Bolo e con repertorio para facer poñer en pé a sala de baile dende as 2:00 ata o peche do local. A entrada será de balde.
Para a noite do 29 de abril, dende as 00:30 h. a peche e por un prezo de 6 € con consumición actuarán 3 DJ: DJ Sergito, Rebón e Dr. Bosh. Esa noite farase tamén un sorteo de 2 entradas para ver ao gran DJ Ballesteros o 16 de maio. Un galáctico dos pratos que chega ao Bravo Lux na noite previa ao 17 de maio, festivo dedicado ás Letras Galegas.
A ponte de festa rachada no Bravo rematará na noite do 30 de abril coa presenza dos DJ: Diego Alo e Motto. A sesión comeza a partir das 00:30 h. e a entrada ten un custe de 6 €. Nesta ocasión tamén haberá sorteo de 2 entradas para poder estar na pinchada de Ballesteros o 16 de maio.