O Son da Estación transforma A Rúa nun escenario para o talento galego
A Rúa volveu converterse este sábado 18 de outubro nun punto de encontro para amantes da música galega grazas á celebración da segunda edición do festival O Son da Estación. A cita, prevista inicialmente para o 15 de agosto pero aprazada polos incendios forestais que afectaron Valdeorras nese mes, regresou con forza no outono, enchendo de ambiente e son as rúas da localidade.
O evento, que destaca pola súa aposta polo talento musical galego, presentou un cartel variado onde se mesturaron estilos e xeracións: desde o rock alternativo ata o indie pop, pasando pola música tradicional e a electrónica.
A xornada arrancou coa actuación dos Green Angels, unha prometedora banda local que fixo vibrar ao público coas súas composicións propias. A continuación subiu ao escenario Mondra, nome artístico de Martín Mondragón, intérprete e bailarín cunha proposta fresca e comprometida coa identidade galega, a diversidade e o orgullo rural.
Pasadas as dez da noite chegou o turno de Carlos Ares, músico e produtor coruñés recoñecido pola súa versatilidade e pola súa traxectoria de máis dunha década, marcada por colaboracións con artistas da nova escena nacional. Xa na madrugada, as potentes Agoraphobia puxeron o broche final á festa cun concerto cheo de enerxía e actitude.
Entre actuación e actuación, Señora DJ mantivo viva a festa cunha selección electrónica que animou a bailar ao público durante toda a noite.
O Son da Estación forma parte dun programa de Turismo de Galicia, que este ano promove máis de 180 concertos en 70 municipios, e contou co apoio do Concello da Rúa , a produción de Ton y Son e a presenza do director xeral de Turismo, Xosé M. Merelles.