Rubén Fernández: «As abellas hai que entendelas para poder coidalas»
A apicultura tamén precisa formación constante, coñecemento técnico e moita observación. Así o transmitiu este sábado Rubén Fernández durante o Curso de Perfeccionamento Apícola celebrado na Rúa, unha xornada formativa que reuniu a unha quincena de participantes interesados en seguir profundando no manexo das colmeas e nos principais retos aos que se enfronta actualmente o sector.
A actividade estivo dividida en dúas partes. Pola mañá desenvolveuse a sesión teórica, na que se abordaron cuestións relacionadas coa bioloxía da abella, os calendarios de manexo das colmeas, a sanidade apícola e os tratamentos contra a varroa, unha das maiores ameazas para as explotacións.
Xa pola tarde, os asistentes participaron nunha sesión práctica de catro horas centrada na inspección, lectura e manexo xeral das colmeas, para a que foi imprescindible acudir co traxe de protección.
Rubén Fernández explicou que se trataba dun curso pensado para persoas que xa teñen unha certa base en apicultura e que buscan avanzar cara a un coñecemento máis técnico e profesional.
«Estamos facendo un curso de perfeccionamento un pouquiño máis avanzado ca un curso de iniciación», sinalaba, explicando que unha das claves é coñecer ben o comportamento das abellas para poder traballar correctamente coas colmeas.
«Como gandeiros que somos —porque eu considero que os apicultores somos gandeiros— debemos coñecer o animal que temos entre mans para poder manexalo», afirmaba.
Durante a parte teórica abordáronse tamén cuestións relacionadas coas razas de abellas e os problemas derivados da introdución de exemplares procedentes doutros lugares. Ademais, dedicouse unha parte importante á sanidade apícola, especialmente á prevención e control da varroa, un dos grandes quebradeiros de cabeza do sector.
«A sanidade segue sendo unha das maiores problemáticas que temos hoxe en día», advertía Rubén Fernández, incidindo na importancia de detectar canto antes posibles enfermidades para intentar frealas a tempo.
O curso serviu tamén para analizar a situación das colmeas nas zonas afectadas polos incendios forestais, unha realidade que continúa condicionando o traballo de moitos apicultores.
Segundo explicou, a recuperación das zonas queimadas está sendo lenta, especialmente tras un inverno moi chuvioso que provocou importantes escorrentías no terreo. «A miña zona en Chamdrexa de Queixa está bastante parada a ese nivel», comentaba. «O terreo creo que vai tardar moito en recuperar».
Nese sentido, explicou que as colmeas que sobreviviron aos incendios precisan alimentación suplementaria para poder manterse. «Nas zonas queimadas, todo o que teñan de colmea viva ten que ser a través de alimentación e suplementación. Non vale para producir», sinalou.
Por iso, moitos apicultores están optando por mover as colmeas cara a zonas non afectadas polo lume para garantir a supervivencia das abellas e manter minimamente a actividade.
Xa durante a sesión práctica da tarde, os participantes puideron achegarse directamente ao traballo real coas colmeas. O obxectivo era aprender a interpretar o estado das abellas, detectar posibles problemas e coñecer mellor o funcionamento interno dun apiario. «Imos facer unha lectura de cadros para detectar posibles problemas, ver estados nutricionais e un manexo xeral do apiario», explicaba Rubén.
A organización optou por limitar o número de asistentes na parte práctica para facilitar o seguimento das explicacións e garantir a seguridade. «Intentamos facer grupos non moi amplos para que todo o mundo vexa ben o que se está facendo», indicaba.
En total participaron arredor de quince persoas, nun ambiente moi participativo no que tamén houbo intercambio de experiencias entre os propios asistentes. «A xente está moi interesada en aprender», destacaba o formador, que apostou por unha metodoloxía dinámica e aberta á participación. «Intento que sexa bastante participativo, compartir experiencias, porque ao final o apicultor tamén aprende moito doutros apicultores», concluíu.
A xornada deixou patente que a apicultura continúa sendo un sector moi vivo en Valdeorras, pero tamén cada vez máis condicionado polos cambios ambientais, as enfermidades e a necesidade de profesionalización para garantir o futuro das colmeas e das propias abellas.
Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado