A Rúa fai balance dun 2024 marcado por avances en vivenda, infraestruturas e seguridade
A alcaldesa da Rúa, María González Albert, fixo un repaso ás principais actuacións desenvolvidas no Concello durante un ano 2024 complexo pero cheo de avances significativos en ámbitos clave como a vivenda pública, a peonalización, a seguridade cidadá e o patrimonio cultural.
Un ano de retos económicos e logros destacables
«Foi un ano moi complicado, condicionado pola situación económica e a falta da conta xeral, o que nos limitou no acceso a subvencións de concorrencia competitiva. A pesar diso, sacamos adiante proxectos que reforzan a estrutura e a proxección da Rúa cara ao futuro», declarou González Albert.
A nivel estrutural, o Concello iniciou actuacións no abastecemento de auga e deu continuidade ao Plan URBE coa peonalización da rúa Doutor Vila, «unha aposta por revitalizar a zona», engadiu a alcaldesa, destacando a apertura de cinco novos negocios nesta área durante o último ano.
Seguridade nas festas e xestión cultural
A reubicación das festas do verán foi unha das medidas máis controvertidas pero necesarias segundo a alcaldesa.
«Era unha cuestión de seguridade. Tivemos que facer fronte a unha polémica interesada e a chantaxes, pero demostramos que o novo espazo foi o ideal para garantir a seguridade cidadá», afirmou.
No ámbito cultural e turístico, o convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil abriu a porta á revalorización das covas e bodegas das Pinguelas, «un patrimonio cultural, etnográfico e natural que pode converterse nun importante atractivo turístico», destacou González Albert.
Aposta pola vivenda pública e o Camiño de Inverno
O 2024 marcou un punto de inflexión na xestión da vivenda social. A Rúa adxudicou a súa primeira vivenda pública e iniciou a recuperación de catro máis no antigo edificio dos profesores. «Detectamos unha demanda moi alta e como Concello asumimos a responsabilidade de crear un parque público de vivenda», subliñou.
Ademais, reactivouse o albergue municipal, paralizado durante oito anos. Con este espazo en funcionamento, o Concello busca reforzar a confianza na ruta do Camiño de Inverno e dinamizar a iniciativa privada vinculada a este itinerario.
Avances históricos no centro de saúde
Outro fito do ano foi o progreso no proxecto do novo centro de saúde, unha reivindicación histórica dos veciños. «Parece que finalmente será unha realidade. Por primeira vez aparece nos orzamentos da Xunta para 2025. É unha necesidade vital para a Rúa», comentou a alcaldesa, lamentando que moitas das persoas que loitaron por este proxecto non poidan velo rematado.
Compromiso coa Axenda 2030 e a sustentabilidade
A aprobación da Axenda 2030 foi outro dos puntos destacados do balance anual. «Os eventos climáticos extremos serán máis frecuentes se non tomamos medidas. Contar con este documento permitirá acceder a máis subvencións e avanzar nos obxectivos de desenvolvemento sostible», explicou.
Si desexa escoitar a entrevista completa pode facelo aquí: