viernes. 30.05.2025

A Rúa impulsa a Axenda 2030 e reforza o seu compromiso con vivenda social

O municipio presentou o seu plan de desenvolvemento sostible coa Deputación de Ourense

O Concello da Rúa deu un paso  no compromiso co desenvolvemento sostible e o apoio social coa a aprobación da Axenda 2030. Este proxecto, impulsado pola Deputación de Ourense e no que participan varios concellos da provincia, permite focalizar accións municipais en áreas clave como a loita contra a pobreza e a mellora da recollida selectiva de residuos.

María González Albert, alcaldesa do municipio, explicou que o documento elaborado permitirá analizar con detalle as necesidades locais e trazar un plan de acción efectivo para os próximos anos: «Presentámolo xunto coa Deputación e os concellos participantes. Traballamos en seis obxectivos de desenvolvemento sustentable que decidimos dar prioridade no noso caso», afirmou. Este documento guiará as iniciativas para «facer da Rúa un concello máis sostible».

A aprobación da Axenda 2030 representa un fito para o municipio, xa que é un dos primeiros municipios da provincia en contar cun plan integral destas características. Este feito «supón unha oportunidade» para poñer en funcionamento melloras que repercutan directamente na calidade de vida da veciñanza e no coidado do medio ambiente.

Mellora nas vivendas do parque público de alugueiro

Outro tema prioritario para o concello é a mellora do aloxamento público e o acceso á vivenda. No último pleno, o concello iniciou o proceso para desafectar as últimas catro vivendas das antigas residencias de profesorado próximas ao CEIP Manuel Respino. Estas vivendas, situadas por riba do albergue municipal, son clave para mellorar o servizo que ofrece o albergue, o cal experimentou un notable incremento de usuarios. «O sistema de xestión do albergue, a cargo de hospitaleiros, fai necesario habilitar baños e espazos privados, xa que cando o albergue está cheo os servizos quedan en precario», sinalou a alcaldesa.

A maiores, a intención do equipo de goberno e ampliar o parque público de alugueiro. De feito, o 14 de novembro celebrarase unha mesa para adxudicar a primeira vivenda pública un recurso que «ten gran demanda». González Albert tamén mencionou a dispoñibilidade dunha de emerxencia social, destinada a axudar a familias que poidan perder a súa casa en situacións urxentes. 

Si desexa escoitar a entrevista completa pode facelo aquí:

A Rúa impulsa a Axenda 2030 e reforza o seu compromiso con vivenda social