
No pleno celebrado este xoves 7 de novembro no Concello da Rúa, que comezou cun minuto de silencio polas vítimas da DANA en Valencia, abordáronse diversos temas de interese para a comunidade.
Entre as mocións incluíase a desafectación de catro vivendas, a modificación de crédito para gastos municipais e a renovación do convenio da rede de bibliotecas da Xunta de Galicia. Ademais, debateuse unha moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego sobre a recente subida de tarifas de SOGAMA, que afecta á xestión de residuos no concello.

Desafectación de vivendas en desuso
Un dos puntos principais foi a proposta para a desafectación de varias vivendas pertencentes ao colexio Manuel Repsino, que durante anos estiveron destinadas a mestres e que agora permanecen deshabitadas. O tenente de alcalde, Luís Gudiña, explicou que a intención é «que o edificio, que antes era da educación, pase a ser do Concello para poder arranxalo sen depender doutras administracións». Desta maneira, un dos obxectivos do equipo de goberno é dedicar esa zona, si fixera falta, a ampliación do albergue municipal.
Esta moción foi aprobada cos votos a favor do BNG, PSOE e RUA, mentres que o Partido Popular optou pola abstención. O portavoz popular, Álvaro Fernández, expresou a súa reserva ao sinalar que xa hai vivendas desafectadas que non foron rehabilitadas, e que a solicitude de novas desafectacións sen actuar sobre as existentes resulta confusa.
Con motivo destas declaracións, o tenente de alcalde fixo fincapé en que xa se realizou entrega da primeira vivenda rehabilitada e que xa está acondicionado un fogar social «por si alguén perde o seu domicilio e necesita onde quedar».
Modificación de crédito para gastos culturais
Outro tema relevante foi a aprobación dunha modificación de crédito de arredor de15.000 euros para financiar diversos gastos, incluíndo festas, servizos culturais e educativos. A alcaldesa, María González Albert, detallou que «os fondos destináronse a unha bolsa de gastos que inclúe festas, casa da cultura, deporte, educación e o centro de saúde, entre outras cousas».
Esta modificación foi aprobada con 6 votos a favor e 5 en contra do Partido Popular, cuxo portavoz, Álvaro Fernández, criticou a falta de explicacións sobre a necesidade de destinar eses fondos «as festas». Por mor das declaracións, a alcaldesa asegurou que durante o ano 2019 —mandato do voceiro popular— existía un presuposto de case 178.000 euros. «Entón, estamos no mesmo e sen contar a inflación».
Renovación do convenio da biblioteca municipal
A renovación do convenio de colaboración coa Consellería de Cultura para a rede de bibliotecas de Galicia foi outro dos asuntos tratados. A alcaldesa informou de que o convenio terá unha duración de catro anos, destacando a súa importancia para o acceso a recursos culturais no municipio.
O portavoz popular, Álvaro Fernández, anunciou que o seu grupo votaría a favor, aínda que recordou que os fondos deben ser solicitados de maneira regular, algo que, segundo el, non se fixo nos últimos anos. A prol desde debate, a alcaldesa asegurou que: «Non lle vou consentir que siga mentindo. Vostede deixou escrito que faltaba un mes para esa conta xeral e dígolle aquí que é falso». Este debate reabriuse no pleno a causa da perda de fondos para a biblioteca. A moción foi aprobada por unanimidade.
Subida das tarifas de Sogama e o impacto na xestión de residuos
Outro punto de debate foi a recente subida das tarifas de Sogama, que incrementará os custos de xestión de residuos para o concello. A alcaldesa e voceira do BNG, María G. Albert, expresou a súa preocupación, indicando que o incremento do servizo ascende xa a 300.000 euros e que se prevé que continúe aumentando. Segundo explicou, «a Xunta de Galicia decidiu asignar parte dos fondos de cooperación local para afrontar este gasto». Ao que engadiu: «Non estamos de acordo con esta subida unilateral», afirmou González Albert, subliñando que todos os partidos na FEGAMP piden unha revisión deste modelo de xestión.
O portavoz popular, Álvaro Fernández, indicou que non votaron en contra da moción porque están a favor de buscar alternativas, aínda que recoñeceu que a situación é complexa. Pola súa parte, Vicente Solarat, voceiro do grupo RUA, sinalou que «é un tema complicado», e expresou a súa preocupación sobre a viabilidade de cambios a curto prazo, dado que 295 concellos de Galicia están adheridos a Sogama.
Gudiña, tenente de alcalde e voceiro do PSOE, apoiou os datos achegados pola alcaldesa e manifestou o seu desexo de que a cidadanía coñeza o impacto desta subida e a necesidade de alternativas para xestionar os residuos dun modo descentralizado. Esta moción foi aprobada por 6 votos a favor e 5 en contra