
O Concello da Rúa recibiu nesta xornada do 3 de outubro, a visita do presidente da Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG), Iván Area Carracedo, que mantivo un encontro coa alcaldesa da localidade, Maria G. Albert.
O principal obxecto da visita era analizar a situación actual no referido á celebración das ABAU e o mantemento e renovación do convenio que permite que o alumnado da comarca de Valdeorras e comarcas limítrofes poida realizar na Rúa as probas de acceso á Universidade.
Nese contexto Area concordou con Albert na importancia que reviste a existencia da sede da Rúa nas ABAU —Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade— para garantir o acceso en igualdade dun alumnado que está, no mellor dos casos, a unha distancia de entre unha hora e até case dúas horas da cidade de Ourense, na que se atopan o resto de sedes da provincia.
A alcaldesa da Rúa quixo remarcar tamén o esforzo económico que o Concello fai para garantir que a Sede da Rúa continúe a ser un referente no acceso universitario toda vez que, xunto coa de Viveiro e a de Cee, fai parte dos únicos tres concellos que acollen probas da ABAU ademais das sete cidades.
Albert apelou tamén á necesaria colaboración entre o resto de concellos para poder garantir a pervivencia dun servizo «excepcional e moi valorado» para o estudantado do rural. O Concello da Rúa acolle no IES Cosme López unhas ABAU que acollen tamén ao alumnado dos centros educativos do Barco de Valdeorras, Quiroga (Lugo), a Pobra de Trives e Viana do Bolo.
Por último, desde o Concello, quérese destacar o interese demostrado pola CIUG por coñeceren de perto as necesidades educaƟvas da Rúa no referido ao acceso á universidade e desde a alcaldía manifestouse a «confianza por que esta colaboración e bon entendemento achegue cousas moi posiƟvas á Rúa».