
Co obxectivo de estimular a reactivación dos negocios da hostalería que resultaron afectados durante moito tempo polas restricións da pandemia, o Concello da Rúa pretende ampliar unha hora e media máis—en determinadas datas— o horario de peche de bares, cafeterías, restaurantes e pubs.
Esta medida comeza esta Semana Santa, desde o 13 de abril ata o vindeiro domingo 17, coincidindo coa celebración da Festa da Empanada de Costrelas. Tamén estará vixente nas Festas de San Antón, desde o 10 de xuño ata o 14, e nas Festas de San Cristóbal —o 9 e 10 de xullo—.

No mes de xullo tamén terá ampliación do 15 ao 17 coa Festa dá Virxe do Carme, en agosto coas festas de verán —do 5 ao 9—e na Becofesta desde o 12 ao 15 de agosto. Xa nas festas de San Roque será desde o 19 ao 23 de agosto.

Aqueles establecementos que decidan ampliar o seu horario nas datas anteriormente mencionadas, deberán ter en conta que entre o peche e a reapertura deben transcorrer polo menos 4 horas.

Desde o consistorio solicítase «aos interesados o mesmo nivel de compromiso e responsabilidade para que esta mellora non supoña un perxuízo para a cidadanía e agradecemos de antemán o esforzo e a comprensión que os veciños terán que asumir para axudar ao tecido comercial local».
