
A banda de Rock monfortina chega á Rúa este sábado 25 de marzo para ofrecer un concerto na Sala Bravo Lux a partir das 20:00 h. Este local é un dos poucos que manteñen compromiso e continuidade coa música en directo na comarca de Valdeorras.
A sala ruesa, ademais de caracterizarse pola regularidade na programación de concertos, tamén destaca na contorna por traer á Rúa destacados DJ de música urbana. O seu xerente, Javier Ferrer, aproveita tamén para avanzar que de cara a Semana Santa presentará unha programación espectacular, con varias opcións de música ao vivo e recoñecidos DJ.
DOC MAGOO'S
Máis de 20 anos rodando polos escenarios avalan a esta banda de Monforte de Lemos que versiona aos grandes do Rock de todos os tempos. Nos seus concertos pódense escoitar temas míticos da escena musical internacional: Neil Young, The Black Crowes, Prince, Police, Rolling Stones, Lenny Kravitz, The Doors, Beatles, Bob Dylan, entre outros, atópanse no seu repertorio.