O Vía Crucis e Encontro na igrexa de Santo Estevo (A Rúa) produciuse a pesares da chuvia

O Venres Santo estivo marcado pola meteoroloxía e aínda que as rúas non puideron acoller a emotiva procesión, os fieis congregáronse no interior da igrexa para vivir unha escenificación significativa da paixón de Cristo.

O Venres Santo, unha das datas máis importantes do calendario cristán, en Valdeorras ao igual que noutros lugares a climatoloxía adversa formou parte dos actos relixiosos pero non conseguiu diminuír a devoción dos fieis. As previsións meteorolóxicas, que anunciaban chuvia para a mañá do 18 de abril, cumpríronse puntualmente, e a auga fíxose presente, impedindo a celebración habitual do tradicional Vía Crucis e do Encontro nas rúas da parroquia.

Cada ano, esta procesión é un dos momentos máis emotivos e agardados polos devotos. A tradición consiste en sacar en procesión as imaxes de San Xoán, Xesús coa cruz ás costas e a Virxe, percorrendo as rúas ata chegar á praza César Conti, onde ten lugar o Encontro. Non obstante, nesta ocasión, as inclemencias do tempo obrigaron a modificar o plan.

 A procesión trasladouse ao interior da igrexa, onde levouse a cabo unha escenificación coidadosamente preparada e chea de emotividade. A representación, que foi seguida con atención e fervor polos fieis, foi presidida polo párroco Daniel Pérez e polo sacerdote Severino Pérez, quen guiaron aos asistentes nunha reflexión profunda sobre a paixón, morte e resurrección de Cristo.

O interior da igrexa converteuse nun escenario que transmitiu toda a solemnidade e o espírito da Semana Santa. A escenificación incluíu momentos clave da paixón, con imaxes e símbolos que axudaron aos presentes a revivir os episodios máis significativos da historia cristiá. A comunidade, unida na fe, participou con respecto e devoción, demostrando que, aínda que as circunstancias externas poidan variar, a esencia desta celebración permanece intacta.