sábado. 14.06.2025

O Bravo Lux da Rúa baixa a persiana tras 12 anos de atención ao cliente, eventos e «karayada»

A xerencia do popular establecemento rués anuncia o peche e convida a unha festa de despedida o vindeiro sábado 12 de outubro.

somoscomarca_202410009_arua_bravolux3837

O rumor do peche do Bravo Lux da Rúa, conto que comezaba a ser corrido polo lugar, é certo. O seu xerente, Javier Ferrer, fai público o fin de actividade, iso si, sen dar creto a cantos «bulos» poidan estar correndo sobre os motivos que o levan a tomar esta decisión.

«Ao principio, cando era máis mozo e collín o Bravo, moitos non se imaxinaron nunca que fose a durar tanto», di Javier entre risas. Pois ben, doce anos e medio de actividade intensa e unha constante e coidada atención ao cliente, avalan a súa traxectoria.

somoscomarca_202410009_arua_bravolux3833

O Bravo Lux foi sempre moi versátil na oferta á clientela, adaptouse como hai ten que ser cando se sobrevive como negocio nas vilas pequenas. Foi cafetería, bar de tapeo cunha coidada referencia de viños, e tamén bar de tardeo con racións onde escoller.

Non hai que esquecer que tamén trunfou coma bar musical, organizando numerosos e variados eventos incluso en momentos difíciles cando case ninguén apostaba por actuacións novidosas e música en directo. Así as cousas, polo ‘Bravo’ pasaron monologuistas, grupos de música de pequeno e gran formato, personaxes míticos como foi ‘A calculadora humana’, celebráronse sesións de bailes de salón, bingos... e grandes sesións de música tecno, urbana, oitenteira, etc. Para a historia deste local quedará o paso de grandes artistas e DJ de talla nacional e internacional.

somoscomarca_202410009_arua_bravolux3834

Agradecementos

Un emocionado Javier, “Karayán para os amigos”, afirma: «Foron anos con momentos duros, ás veces, pero con moitas satisfaccións. Ademais da boa recepción dos eventos que programaba quedarame para sempre que a clientela descubriume, non vou dicir como DJ, pero si como bo seleccionador de cancións» asegura cun sorriso cómplice.

Eran tempos de pandemia e Javier puido con ela e máis

E engade, «grazas de parte miña e da familia a todas e todos os traballadores que pasaron polo Bravo, aos medios de comunicación que informaron dos nosos eventos, e á clientela por acollernos tan ben e por formar un gran bar familiar do cal non estou triste por deixalo, pois grazas a el fixen moi bos amigos e amigas».

Nesta despedida, lanza tamén un desexo de que lles vaia ben a todos os negocios que continúan e aos que vaian abrir no futuro.

Festa de despedida

A «gran despedida» será o vindeiro sábado 12 de outubro. Antes, xoves e venres organizaranse sesións de bingo con amenización do DJ Karayán para a sesión nocturna do venres.

Para o día grande, o festivo da Pilarica, a partir das 20:30 horas a xerencia anuncia que haberá pinchos a esgalla e moita música a cargo do anfitrión, DJ Karayán, e do seu amigo “Motto inda House”. Como non podía ser doutro xeito, “pincharemos ata que o corpo aguante”, di Javier.

somoscomarca_202410009_arua_bravolux3835

Novos proxectos

Despois de case trece anos co Bravo Lux, Javier viu que era o momento de cambiar, «Estou ilusionado cun novo proxecto do cal espero darvos información en pouco tempo, pero por agora imos deixar terminar este e xa teredes noticias do que veña», subliña Javier.

somoscomarca_202410009_arua_bravolux3836

O Bravo Lux da Rúa baixa a persiana tras 12 anos de atención ao cliente, eventos e...