A alcaldesa de A Rúa denuncia «abandono absoluto» ante o incendio do vertedoiro de Autoneum

A alcaldesa de A Rúa denuncia «abandono absoluto» ante o incendio do vertedoiro de Autoneum
María González Albert alerta de que o lume leva seis días activo, afecta á calidade do aire e obriga a restrinxir o consumo de auga mentres reclama unha resposta urxente da Xunta

O incendio forestal que comezou o pasado mércores en Larouco continúa tendo graves consecuencias en A Rúa. A alcaldesa, María González Albert, compareceu en rolda de prensa para denunciar a «indefensión absoluta» na que se atopa o municipio, que leva seis días cun lume activo no vertedoiro municipal de residuos non perigosos, onde se almacenan materiais da empresa Autoneum.

O venres, cando as lapas cruzaron o río Sil, o lume alcanzou a zona de Roblido, o polígono industrial e o vertedoiro. Desde entón, os residuos téxtiles acumulados —moquetas antitérmicas e acústicas empregadas en automoción— arden lentamente, sen que se conseguise sufocar o incendio.

«Dinnos que está controlado porque está nun recinto, pero seguimos con fume no ambiente sen que ninguén tome unha decisión», reprochou a rexedora. Segundo indicou, a única axuda recibida foron dous equipos da UME con bulldozers o martes, que se declararon incapaces de extinguir o lume dada a magnitude do material.

Risco para a calidade do aire

A iniciativa do Concello, desde o luns funciona en A Rúa unha unidade móbil de medición da calidade do aire. Os primeiros resultados amosan valores preocupantes de partículas PM10: o luns alcanzáronse 123 microgramos/m³, o martes 72 e o mércores 57. O límite permitido é de 50, polo que se activou unha alerta por mala calidade do aire.

«Non atopamos partículas diferentes ás doutros incendios forestais, pero o problema é que aquí seguimos con lume e, polo tanto, as partículas non se dispersan», explicou González Albert. A alcaldesa lembrou as recomendacións de Saúde Pública: evitar actividades ao aire libre, usar mascarillas FFP2 ou FFP3 e extremar a precaución nos grupos de risco (persoas maiores, nenos, embarazadas e persoas con doenzas respiratorias).

O Concello tamén recomendou non consumir auga da billa, logo de que a estación de tratamento quedase superada pola demanda durante os días críticos e de que a falta de subministración eléctrica impedise a súa potabilización en determinados momentos. Desde o domingo repártese auga embotellada con axuda da Cruz Vermella, a UME, empresas privadas e doazóns veciñais.

Críticas á falta de coordinación

María González Albert criticou con dureza a falta de resposta institucional: «Desde o CECOP ninguén se puxo en contacto oficial co Concello en seis días». Recoñeceu a atención do subdelegado do Goberno e da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, pero denunciou que o resto de departamentos autonómicos «pasan a pelota dun a outro sen facer nada».

A solución proposta desde Medio Ambiente —tapar o vertedoiro con xabre— tampouco é viable para o Concello. «Non temos maquinaria nin medios. O que pedimos é que a Xunta mande un técnico que determine cal é a solución e que asuma as súas responsabilidades. Se non, isto acabará ardendo por si mesmo», advertiu.

«Non é o mesmo estar nervioso nun despacho que co lume á porta» Con estas palabras, a alcaldesa resumiu a situación que vive A Rúa, onde o fume segue presente e as restricións afectan á vida diaria da veciñanza. «Levamos seis días ardendo e non se pode permitir que un concello coma o noso, con recursos limitados, asuma en solitario esta situación», concluíu.