sábado. 23.08.2025

A alcaldesa da Rúa critica a «inacción» da Xunta ante o incendio no vertedoiro municipal

A nota informativa da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático sorprende e decepciona a María González Álbert
somoscomarca_arua_incendio_vertedoiro
Imaxe do fume do vertedoiro desde Santa María (Petín)

A recente nota informativa da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático sobre o «vertedoiro de residuos non perigosos da Rúa» xerou unha dura resposta por parte da alcaldesa, María González Albert, quen cualificou a actitude do Goberno galego de «enfadante, sorprendente e decepcionante».

Na súa comunicación oficial, a Consellería lembra que o vertedoiro, situado no termo municipal da Rúa, é de titularidade municipal — o Consello da Rúa desde o primeiro momento dixo que era unha instalación municipal— desde decembro de 2010, cando se completou a súa construción e se transmitiu ao concello a autorización ambiental integrada. Ademais, advirte de que sobre esta instalación recaen «numerosos incumprimentos da AAI, recorrentes ao longo do tempo», que deron lugar a varios expedientes sancionadores, o máis recente cunha multa de 20.000 euros en xaneiro de 2025.

O documento tamén aborda a situación actual, marcada polo incendio que permanece activo no interior do vertedoiro desde o pasado 15 de agosto. Segundo o criterio técnico da Consellería, «a solución pasa por sufocar o lume mediante a aplicación de materiais inertes, a base de terra, sobre a superficie en combustión, co obxectivo de eliminar o osíxeno».

«Unha semana sen resposta»

A alcaldesa María González Albert expresou o malestar do goberno local: «Pois eu non sei se desde o Goberno da Rúa estamos máis enfadados, máis sorprendidos ou máis decepcionados. Probablemente un pouco de cada unha das tres cousas», afirmou. Criticou que, tras unha semana de lume, o Concello non recibise ningunha comunicación directa da Xunta e tivese que coñecer os detalles da situación a través da prensa: «Pensabamos que a Xunta de Galiza estaba para axudar aos concellos en momentos de dificultade, e non para eludir responsabilidades».

Albert tamén subliñou que o plan de xestión do vertedoiro, aprobado pola propia Xunta, «non incluía a posibilidade dun incendio» e que, ante unha situación «absolutamente excepcional», a administración autonómica non prestou apoio técnico nin operativo.

Peticións de axuda sen resposta

Segundo relatou, o Concello solicitou desde o primeiro día colaboración de distintas administracións, incluídas a Xunta de Galicia, Deputación de Ourense —neste caso matizou «entendemos que non é da súa responsabilidade», o CECOP e a Unidade Militar de Emerxencias (UME) que si desprazou efectivos, e «todos os que nos quixeron escoitar». «Os únicos técnicos que estiveron no lugar foron da UME e do Concello. Foron eles quen nos advertiron que a solución non podía pasar nin por auga nin por espumantes, senón por terras ou zahorras, algo que require un proxecto e condicións de seguridade», explicou.

A alcaldesa denunciou que, malia estas advertencias, a Consellería «atrevese a afirmar, a golpe de venres, que chega con tapar con terra, sen ter enviado a día de hoxe a ningún técnico á zona». Para Albert, a situación evidencia «a inacción do Goberno galego non só cos lumes forestais, senón tamén coas consecuencias dun lume secundario nunha instalación con características moi especiais».

Un conflito aberto

O incendio continúa activo no vertedoiro, que leva máis dunha semana ardendo, xerando fume constante e moita preocupación entre a veciñanza. A rexedora reiterou que o Concello «non ten capacidade para xestionar este problema» e insistiu en que a Xunta debe asumir a súa responsabilidade.

«O que aconteceu é que se foron pasando a pelota dun lado ao outro, e ao final din que é unha instalación municipal e que nos temos que buscar a vida. Pois ben, será algo que tamén teremos que considerar desde o Concello, pero non imos deixar de reclamar a axuda que necesitamos», concluíu Albert.

A alcaldesa da Rúa critica a «inacción» da Xunta ante o incendio no vertedoiro municipal