
A Rúa leva reclamando un novo centro de saúde que cubra as demandas da poboación máis de 20 anos. E aínda que nos últimos anos fóronse dando pasos para resolver a situación, parece que o novo edificio nunca chega a pesar de contar xa con solar e urbanización na zona. «A Xunta, a través do Sergas, deixou morrer unha solicitude de licencia que tiñan feita en período pre-electoral», aseguraba María G. Albert, alcaldesa do municipio, para unha entrevista a este medio.
Ábrese un novo capítulo neste tema, «dende a Consellería de Sanidade se puxeron en contacto connosco para anunciar o seu interese por retomar esta cuestión», explica Albert. A pesar deste novo paso, «estamos prudentes, pero contentos». Esta felicidade está «mantida esperando que se materialice».
Dende este primeiro contacto que se mantivo coa consellería «houbo que extinguir o expediente que estaba aberto, xa que morreu no momento que o deixaron caducar», di a alcaldesa. Agora, dende o concello «estase iniciando un novo, no que se tramitará a solicitude de licencia». A alcaldesa espera que «unha vez feito este primeiro trámite saquen a licitación o proxecto de construción definitivo para o centro de saúde da Rúa».
Ordenanza
No pleno realizado na tarde de onte, seis de maio, o Concello da Rúa aprobaba a ordenanza reguladora de criterios de adxudicación, normas de funcionamento e utilización dos pisos de emerxencia social. Sumado a isto tamén era aceptada a ordenanza fiscal.
Despois desta aprobación, con seis votos a favor —BNG, PSOE e RUA— fronte as cinco abstencións dos populares, «está en exposición pública para período de alegacións durante 30 días», explica a alcaldesa. No caso de exista algunha «haberá que resolvela, de non ter alegacións poderá entrar en vigor». Segundo os cálculos de María G. Albert, sen ter ningunha incidencia, «no mes de xuño será a entrada en vigor definitiva e xa poderíamos por no mercado eses dous primeiros pisos que temos».