jueves. 29.05.2025

Aberta a adxudicación da primeira vivenda social da Rúa

Hai de prazo un mes natural para todas aquelas familias interesadas. Falamos coa alcaldesa, María González Albert, sobre esta e outras novas do municipio
Aberta a adxudicación da primeira vivenda social da Rúa.

O Concello da Rúa vai abrir, despois dun «traballo laborioso e longo», a primeira vivenda social do municipio. Así o detallaba a alcaldesa, María González Albert, quen se amosou «moi feliz porque este tema foi prioritario para nós cando chegamos ao goberno». 

Trátase dunha residencia situada na Avda. de Vilela, no edificio que no seu día albergou as vivendas do profesorado do Grupo Escolar Manuel Respino. «A obra civil xa estaba feita pero faltaban outros temas, sobre todo a elaboración da ordenanza reguladora».

O prazo de presentación de solicitudes antes da primeira valoración será dun mes natural até o 11 de outubro. Neste período todas as persoas interesadas na adxudicación desa vivenda social poderán presentar a solicitude para a mesma no Rexistro Municipal de xeito presencial en horario de 08:00h a 14:30h ou ben na Sede Electrónica do Concello.

Ademais destas vivendas de aluguer social, nas próximas semanas «executarase o pechamento exterior do recinto das piscinas municipais para poder rematar esta obra», explicaba a rexedora. «Tamén adxudicamos xa a obra da rúa das Fontes, algo moi demandado polos veciños e con razón». 

Volta á rutina, tamén co deporte

Onte mércores 11 de setembro comezou o colexio —tamén o servizo "madrugadores" na ludoteca municipal— e tamén está activo xa o prazo de inscrición ás escolas deportivas da Rúa. «As clases arrincarán o vindeiro luns día 16 e poderanse apuntar até final de mes. Non adoitamos cobrar esta mensualidade de setembro».

Dende o Concello ofértase atletismo, fútbol, multideporte e tenis, para nenos; e ximnasia de mantemento para adultos. «Ademais tamén están os clubes privados, cos que colaboramos, pero que xestionan eles mesmos as inscricións, como o Club Atletismo Rúa ou Kárate».

A conversa completa coa alcaldesa María González Albert está dispoñible neste enlace de audio:

Aberta a adxudicación da primeira vivenda social da Rúa