
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a ultimar un novo protocolo de colaboración cos concellos co fin de establecer un sistema para controlar as poboacións de xabaril en zonas urbanas e periurbanas mediante a adopción de medidas preventivas e de control alternativas ás accións cinexéticas, como a colocación de gaiolas trampa en lugares estratéxicos e que adoiten frecuentar estes animais.
O plan inclúe, por outra banda, posibles actuacións sobre o territorio para facer que estas áreas resulten hábitats menos favorables para o asentamento do xabaril.
O obxectivo da iniciativa impulsada pola Consellería de Medio Ambiente é reducir de forma efectiva e segura o número de exemplares e avistamentos desta especie silvestre en zonas próximas ás cidades ou a núcleos de carácter urbano e periurbano, nas que non está permitida a actividade cinexética e onde a presenza de xabarís adoita xerar unha notable alarma social.
Trátase así de evitar a aparición de posibles enfermidades e de reducir os danos ocasionados e os accidentes de tráfico a través dunha xestión de calidade que permita harmonizar os métodos de control poboacional da especie cos criterios de conservación.
Para iso, o departamento autonómico propuxo a posta en marcha dun plan de acción en colaboración cos concellos, que se articulará a través da sinatura dun convenio marco ao que se poderán ir adherindo de forma individual os municipios interesados onde a presenza desta especie na contorna das cidades xera problemas de seguridade cidadá e mesmo de saúde pública, con danos en parques e xardíns, accidentes e alarma pública pola presenza habitual de animais salvaxes potencialmente perigosos nas rúas.