
Trives celebrou o magosto no Patio Santa Leonor na tarde do sábado. ademáis de saborosas castañas asadas degustáronse os doces do concurso e sóubose quen gañou o concurso literario.
As 16:00 horas comezou a tradicional festa onde se deron cita unha morea de triveses e xentes dos pobos do arredor. A esa mesma hora tamén principiou o obradoiro de outono dirixido polas traballadoras da biblioteca o que asistiron rapaces de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Actividades e manualidades relacionadas coas castañas tiveron entretidos os nenos e nenas ata as 17:00 horas.
Aínda que a tarde rematou con castañas asadas, chourizos, viño, doces e licor café, sen faltar a música e o baile, non foi a única actividade do día. Xa a mañá arrincaba a xornada cunha ruta polos Sequeiros. Ás 11:30 da mañá os participantes desta actividade saíron desde o pobo de Pena Folenche para facer unha ruta circular de tres quilómetros de distancia e baixa dificultade que permitiu coñecer como é a recollida da castaña, o uso dos Sequeiros e pasear polos soutos no outono. Esta camiñada serviu ademais, para vivir máis de preto o magosto, o castañal e o outono en Trives. Para recrearse nas cores desta estación de riqueza cromática e entender o duro traballo da recollida das castañas e tamén do secado.
Na sobremesa do magosto degustáronse os doces da sexta edición do Certame de Doces Típicos de Outono e fíxose entrega de agasallos o gañador. Tamén nesa mesma festa sóubose quen se alzou co premio do “II Concurso do Magosto Literario”, o cal recibiu 100 euros e un lote de libros.