sábado. 14.06.2025

Reinaugurado o tramo Ourense-Monforte tras dous anos de obras

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, inaugurou esta mañá a reapertura que permitirá recuperar a mobilidade e optimizar o transporte de mercadorías
somoscomarca_241126_ourense_tren_eladiosantos736
Reinaugurado o tramo Ourense-Monforte tras dous anos de obras

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acompañado pola tenente alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Mª Prada, e o xefe da Área de Mantemento de ADIF en Ourense, Luís Palacios, participou esta mañá na viaxe inaugural do tramo ferroviario Ourense-Monforte, tras o remate das obras de mellora que mantiveron interrompido o servizo durante dous anos. Este avance é especialmente relevante para Valdeorras, un territorio que recupera unha conexión ferroviaria clave tanto para pasaxeiros como para mercadorías.

A intervención supuxo unha renovación integral dos 46 quilómetros do tramo, que conta cunha complexa orografía. Segundo explicou Eladio Santos, leváronse a cabo melloras que inclúen a substitución da plataforma, travesas e vías, a modernización da catenaria e a iluminación, así como a optimización da sinalización e os sistemas de control de tráfico. «É unha importante inversión nunha vía que data do século XIX e que precisaba dunha aposta económica forte, como fixo este Goberno, conseguindo garantir así a seguridade, eliminando ademais pasos a nivel, e a sostibilidade deste recurso de comunicación, que favorecerá tamén ao transporte de mercadorías», destacou.

A mellora da conexión entre Ourense e Monforte, que continúa con traballos no tramo Monforte-Lugo, é un paso clave para facilitar o acceso á alta velocidade desde Lugo a través de Ourense. Con 650 millóns de euros de investimento total, dos que o 95% xa están executados ou en marcha, este proxecto inclúe tamén a renovación da Estación Intermodal de Ourense e a modernización da estación de Monforte.

Un impulso para Valdeorras e León

Eladio Santos salientou a importancia deste proxecto para fortalecer a conexión interrexional, destacando a súa relevancia para a zona de Valdeorras, León e O Bierzo. «É moi importante no que respecta á unión en ferrocarril coa zona do Bierzo, León e Valdeorras. E virá acompañado dunha mellora e maior frecuencia de comunicacións entre León e Galicia», indicou o subdelegado.

Reinaugurado o tramo Ourense-Monforte tras dous anos de obras