
A subdelegación do Goberno en Ourense realizou hoxe a Comisión para a posta en marcha en Ourense do Plan Invernal nas estradas do Estado para a campaña 2023-2024. Durante a reunión, presidida polo secretario xeral da subdelegación, Manuel Arias, realizouse a firma do novo protocolo no que se inclúe como obxectivo principal que, en caso de condicións meteorolóxicas adversas, se reduza o número de tramos con restricións ao tráfico e evitar as retencións de vehículos, ou no seu caso, minimizar a súa duración.
O protocolo estará activo desde o 1 de novembro ata o 30 de abril do próximo ano e disporá de 23 quitaneves na provincia de Ourense. Xunto, a eles, nos centros de conservación da Demarcación de Estradas do Estado en Ourense haberá almacenadas, ao comezo da campaña, 5.534 toneladas de sal, e 110.000 litros de salmoira, que se irán repoñendo a medida que avance a campaña.
Na parte humana, o dispositivo contará coa mobilización de 60 persoas (condutores, técnicos e operarios) para garantir a vialidade das estradas e a súa conservación. A eles poderanse sumar, cando sexa preciso, os 118 axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil. O Goberno manterá este ano unha especial vixía nas zonas máis altas de montaña, así como na autoestrada A-52.
Ademais, mantense a colaboración coa Axencia Estatal de Meteoroloxía no seguimento dos episodios de meteoroloxía adversa. A través desta cooperación, as persoas responsables do dispositivo poderán dispoñer de datos en tempo real da evolución das predicións para poder tomar decisións operativas con máis rapidez e efectividade.
Plan Invernal
O obxecto deste protocolo é establecer a organización e os procedementos de actuación dos servizos, medios e recursos da Administración Xeral do Estado dispoñibles no ámbito de Galicia que, diante a predición de precipitacións en forma de neve ou outras situacións meteorolóxicas extremas, resulte necesario mobilizar para asegurar a vialidade de circulación na Rede de Estradas do Estado (2.500 quilómetros sumando autoestradas –AP-9 e AP-53–, autovías e estradas convencionais).
O documento especifica os procedementos de actuación e coordinación que se poñerán en marcha cando se reciba unha predición meteorolóxica adversa e durante o seu desenvolvemento coa definición dos mecanismos particulares de cada fase da mesma: alerta, preemerxencia e emerxencia. Tamén se especifican os mecanismos de información, coordinación e cooperación cos órganos e autoridades da Xunta de Galicia e das distintas administracións locais.
Ademais, o Plan determina os tramos de estradas que poden resultar máis conflitivos en caso de nevadas, os Postos de Mando Avanzados que se establecerán; as zonas para estacionamento de vehículos pesados e lixeiros, en casos de peche ou restricións de tráfico, e os Centros de Conservación e Explotación onde se sitúan as máquinas quitaneves e outros equipamentos.
Parque provincial de maquinaria
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, realizou esta mañá unha visita ao parque provincial de maquinaria, no polígono de San Cibrao das Viñas, onde se están a ultimar os preparativos do Plan de Vialidade Invernal, que cunha dotación de preto dunha vintena de vehículos, medio cento de profesionais e 950 toneladas de sal ten por obxectivo manter a seguridade nos 1.000 quilómetros de vías provinciais onde hai risco de neve e xeo.
Luis Menor destacou que gran parte da rede viaria provincial –composta por 266 estradas e un total de 1.850 quilómetros- vese afectada en inverno pola neve e o xeo, xa que o 40 % desas vías atravesan zonas que se atopan a más de 700 metros de altitude. "Isto supón que os medios da Deputación deberán atender durante catro meses e medio un total de 1.000 quilómetros de vías, co fin de facilitar e facer máis seguro o tránsito de vehículos, aínda que poderían ser máis quilómetros dependendo da cota de neve".
Para desenvolver o Plan de Vialidade Invernal cóntase con seis centros operativos distribuídos por toda a provincia e con base en Ourense, Verín, Manzaneda, A Pobra de Trives, O Barco de Valdeorras e Viana do Bolo.
Os medios adscritos a este operativo son 7 camións quitaneves e un tractor invernal con saleiro e coitela como equipamento fixo: 6 niveladoras, 11 retroescavadoras, 4 camións con muíño e saleiro, e 3 vehículos "pickups" con coitela como equipo de reforzo ocasional.