sábado. 05.07.2025

Pasear pola bisbarra ao carón dun foraneo

Cristian López explica nesta carta enviada a Somos Comarca o gran descoñecemento e falta de loita que temos por una comarca rica en cultura, en paisaxe, en recursos económicos ou en xente. Esa comarca é a nosa, Valdeorras.

Recoméndolle a calquera veciño de Valdeorras pasear pola bisbarra, en coche ou a pé, ao carón dun foráneo.

É un exercicio que sirve para redescubrir as nosas árbores centenarias, os nosos ríos, os nosos encoros, as nosas montañas e vales. Vistas privilexiadas, dende Fontei ou Vilela, dende o miradoiro de Santigoso.

Achegarse a ver os meandros do Bibei, lugares incribles como o das Ermitas, restos arqueolóxicos como O Castrillón, en Larouco ou a Vía XVIII en Rubiá.

Aciñeira senlleira de Cobas (Rubiá)

Pontes emblemáticas coma a da Cigarrosa, preciosas aldeas na Veiga e un longo etcétera. Desfrutar tamén dos nosos grandes viños, carnes, embutidos e postres.

E, é importante pasear cun foráneo porque son eles quen nos abren os ollos para ver o que temos diante, porque a costume de velo a diario fai que non caiamos na conta da beleza e riqueza que ten a nosa zona. E sendo así, é inexplicable como non se traballa a prol do turismo sostible con tantísimos recursos turísticos como temos.

Reflexos da lúa no Sil contempla

Quizais o vivir dunha industria tan potente como a pizarra e, en menor medida da viticultura, nos deixe confiados e con pouca ambición. Eu teño visitado lugares con menos encanto e interese aos que se lles saca un rendemento económico e cultural inimaxinable.

Decatémonos que vivimos nun lugar único e marabilloso. E, decatémonos tamén que a perda de poboación é acuciante, de que escasean os postos de traballo para os nosos rapaces que se ven abocados a marchar. Decatémonos de que somos unha comarca esquecida por tódalas administracións, as municipais tamén.

Vista  do val desde O Castelo de Valencia do Sil

Merecemos un mellor trato, que somos cidadáns cos mesmos dereitos e necesidades que os da capital e debemos pensar que reverter esta situación só está nas nosas mans, os veciños desta nosa gran comarca.

Debemos aprender doutros lugares que cren no propio, únense e loitan por un obxectivo claro e común, sen distinción de ideoloxías nin clases, creo que toca tirar de orgullo, de «orgullo valdeorrés».

Cristian López

Pasear pola bisbarra ao carón dun foraneo