
A Xunta de Galicia reorganiza desde este luns a atención sanitaria nos centros de saúde de Valdeorras e Trives afectados polos incendios, debido ás incidencias nas telecomunicacións. O obxectivo, segundo informou a Consellería de Sanidade, é garantir a cobertura médica en toda a poboación.
No caso de Valdeorras, o centro de saúde do Barco asumirá a atención médica dos de Carballeda, Vilamartín, Rubiá e O Bolo, mentres que o da Rúa centralizará a asistencia de Petín e Larouco. Pola súa banda, o centro de saúde de Viana do Bolo será o de referencia para os concellos de Vilariño de Conso e A Veiga.
Na comarca de Trives, o centro de saúde da Pobra de Trives atenderá tamén aos pacientes de San Xoán de Río e Manzaneda. En todos estes centros afectados manterase aberto o servizo de enfermaría para cubrir casos de menor gravidade.
Ademais, esta fin de semana instaláronse antenas de conexión vía satélite (Starlink) para reforzar as comunicacións. Entre os centros priorizados figuran o Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras e o centro de saúde da Pobra de Trives, ademais doutros puntos de referencia da provincia.
Sanidade lembra que esta reorganización permite garantir a asistencia médica mentres se manteñen operativos todos os centros de saúde con servizos básicos de enfermaría.