sábado. 20.04.2024

En Ourense os arredor de douscentos pacientes anuais aos que lle practican unha ostomía están sempre apoiados pola unidade de estomaterapia

 A Ágora do Edificio de Hospitalización do Hospital Universitario de Ourense acolle desde hoxe a exposición fotográfica que, co titulo "Héroes e Heroínas", está a percorrer os hospitais do país, co obxectivo render homenaxe a todas as persoas que viven ou viviron cunha ostomía e as súas referentes, as enfermeiras estomaterapeutas, recollendo o seu día a día, na procura de dar visibilidade e axudar a normalizar unha realidade moitas veces oculta.



En Ourense a referente en estomaterapia é María Riveiro, a cara máis visible para os pacientes e as súas familias e, ela mesma, tamén protagonista da exposición. "Ter unha ostomía non é fácil, é un pau. Cando informamos ao paciente que vai ser portador dun estoma é un momento duro, moi duro" e non remata cando se pechan as feridas da intervención, dí María, require un tempo polo que pasan arredor de 70.000 persoas en toda España, que pouco a pouco recuperan a súa vida.

Duascentas persoas en Ourense cada ano

Na actualidade 14.000 pacientes requiren este procedemento ao ano, 5.000 en Galicia e 200 en Ourense, persoas que terán que pasar un camiño por etapas, ata asumir un cambio nas súas vidas, moitas delas de xeito provisional, e outras para toda a vida. Un cambio que implica, aceptación e futuro. Un futuro que se reflicte en campañas como a "A bolsa ou a vida" xa que, en moitos casos, a intervención está motivada nunha enfermidade grave que compromete a vida dos pacientes, como no caso de determinadas patoloxías oncolóxicas ou Enfermidades Inflamatorias Intestinais.



Este é o caso precisamente de José Colmenero e Manuel Castro, ambos teñen en común ser portadores dun estoma, e queren envían unha mensaxe de alento ás persoas que vaian a pasar polo mesmo. "O primeiro é asumilo" di Colmenero "con calma, mentalizarse e pensar que non vai pasar nada".

Ambos destacan que foi ás familias ás que lles custou mais afacerse a idea. "Cara o quirófano a miña tristeza non era por min, era por ver a preocupación coa que quedaba a miña familia", dí Castro. Coinciden en que os achegados, unha vez que viron que incluso gañaban calidade de vida, os medos e preocupación foron pasando. "Se non o decimos, ninguén sabría que levamos unha bolsa" din, subliñando que fan unha vida, con cambios, pero totalmente normal, na que queren destacar a importancia de contar con baños adaptados, como os que se habilitaron no hospital e, mais recentemente noutros puntos de Ourense, como na sede da AECC de Ourense.


A exposición está formada por dazasete paneis, recollendo gráficamente as historias protagonizadas por persoas ostomizadas de todo o país e as súas enfermeiras estomaterapeutas. O autor das fotografías é Álvaro Laiz, destacado retratista con numerosos premios internacionais como o Sony World Photography Awards 2019. En Ourense estará instalada durante este mes de xuño.

Exposición itinerante para dar visibilidade a ostomía