O Entroido galego xa é Ben de Interese Cultural
O Entroido galego xa é oficialmente Ben de Interese Cultural (BIC). O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, martes 11 de marzo, a declaración que pon fin a un proceso iniciado en 2024 e que recoñece esta celebración como un patrimonio inmaterial de gran valor. A Xunta de Galicia outórgalle esta distinción polo seu profundo arraigamento histórico, etnográfico e cultural, así como polo seu papel na identidade e cohesión social das comunidades galegas.
A decisión foi aprobada polo Consello da Xunta o pasado 3 de marzo, tras recibir informes favorables do Consello da Cultura Galega e do Museo do Pobo Galego, sen que se rexistrase ningunha alegación. O decreto destaca a importancia do Entroido como unha tradición viva e diversa, presente en toda Galicia e cun impacto significativo na súa cultura e sociedade.
O recoñecemento como BIC abrangue toda a celebración do Entroido en Galicia, sen limitarse a festividades concretas, aínda que algúns entroidos xa contaban con esta distinción dentro doutras declaracións patrimoniais. Ademais, o decreto subliña que o 61 % dos concellos galegos (191 de 313) teñen un festivo local vencellado ao Entroido, o que evidencia a súa importancia dentro do calendario galego.
Así mesmo, varios entroidos galegos xa tiñan recoñecemento turístico: o de Xinzo de Limia, como festa de interese turístico internacional; o de Verín, como festa de interese turístico nacional; e outros nove como festas de interese turístico de Galicia, entre eles os de Laza, Viana do Bolo e Maceda.
Este recoñecemento supón tamén unha satisfacción para o sector turístico. Así o expresa Xosé Merelles, director xeral de Turismo da Xunta de Galicia, quen destaca a importancia deste fito: «É unha gran nova para o turismo de Galicia e, en especial, para o sur de Galicia, que o Entroido sexa un Ben de Interese Cultural, un recoñecemento que garante a súa protección como unha das manifestacións populares máis importantes do inverno na nosa comunidade».
Merelles pon o foco na relevancia deste recoñecemento para o oriente ourensán, unha das zonas onde esta celebración ten maior arraigamento: «É especialmente significativo para o oriente de Ourense, con entroidos tan emblemáticos como os de Viana do Bolo, Vilariño de Conso ou Manzaneda, que ademais aspiran a ser declarados festas de interese turístico nacional. De feito, xa están a traballar na documentación para presentar axiña a súa candidatura en Madrid».
Desde a Xunta, subliñan que Turismo de Galicia emitirá un informe preceptivo neste proceso e que será favorable, apoiando a candidatura destes entroidos para o seu recoñecemento a nivel nacional.
O documento publicado no DOG destaca tamén o vínculo do Entroido coa gastronomía, un aspecto clave na vida social e cultural das comunidades galegas. Neste senso, o director xeral de Turismo recalca a importancia deste aspecto nos entroidos do oriente ourensán: «Nestes entroidos a gastronomía é un piar fundamental. Non podemos esquecer festas gastronómicas como a Festa da Androlla ou do Cabrito e tamén a da Soá, que se celebra en Manzaneda. Se ampliamos a ollada ao resto de Ourense, atopamos as bicas e outras especialidades ligadas a entroidos tan representativos como os de Laza, Verín ou Xinzo de Limia».
O Entroido e a súa gastronomía conforman actualmente unha das ofertas turísticas de inverno máis destacadas de Galicia. Segundo Merelles, a última edición foi unha das máis multitudinarias da historia recente, cun crecemento notable de visitantes.
Máis alá do recoñecemento, o reto agora é garantir a conservación e o respecto á autenticidade desta celebración. «Este recoñecemento permite conservar as tradicións tal como se viñeron mantendo desde tempos ancestrais e, ao mesmo tempo, convertelas nun atractivo turístico sen que perdan a súa esencia. É un paso importante para protexer o Entroido e consolidalo como un dos grandes reclamos de Galicia no inverno», conclúe Merelles.
Con esta nova declaración, Galicia suma 784 Bens de Interese Cultural, dos cales 111 foron recoñecidos desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural en 2016. Esta cifra reflicte o compromiso da Xunta por protexer e poñer en valor o patrimonio da comunidade.
O recoñecemento do Entroido galego como BIC supón un paso máis na valorización desta festa, que cada ano enche Galicia de cor, música e tradición, reforzando a súa identidade cultural e garantindo a súa pervivencia no tempo.