jueves. 03.07.2025

Dous de cada cinco ourensáns empregaron antibióticos no que vai de ano

Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras prescribíronse no que vai de ano un total de 124.851 tratamentos antibióticos

Dous de cada cinco ourensáns empregaron antibióticos no que vai de ano

Dous de cada cinco ourensáns poderían ter completado un tratamento con antibióticos no que vai de ano 2021, unha cifra que ilustra a importancia e extensión destes fármacos e do imprescindible de empregalos axeitadamente para evitar que perdan efectividade.

A devandita estimación derívase da prescrición no que vai de ano de tratamentos , tanto nos tres hospitais de Ourense como desde os Centros de Saúde e Puntos de Atención Primaria: Un total de 124.851 envases. Consumo ainda superior xa que non inclúe a prescrición desde centros privados ou o sempre desaconsellada autoprescrición.

Coincidindo co Día Europeo do uso Prudente do Antibiótico a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras lembra que o uso excesivo e indebido dos antibióticos son unha das principais causas do desenvolvemento de bacterias resistentes, ante as que os antibióticos teñen cada vez menos efectividade, proceso que podería levar novamente a tempos previos ao descobrimento da penicilina, que cambiou para sempre a medicina e as perspectivas vitais da humanidade.

Ante este horizonte, desde hai anos, as institucións e organismos sanitarios traballan para mellorar, tanto o control do seu uso indebido, informando e concienciando a poboación, e tamén internamente, de cara aos propios profesionais. Esta última é a función da Comisión de Infeccións e Política Antibiótica da Área Sanitaria de Ourense.

Monitorear resistencias e uso de antibióticos

A Comisión está composta en Ourense por especialistas dos tres hospitais e atención primaria e, integrado na propia comisión, está o equipo encargado de levar a cabo o PROA (Programa de Optimización de Uso de Antibióticos) formado por profesionais dos servizos de Farmacia, Microbioloxía, Medicina Preventiva e das unidades de Enfermidades Infecciosas e de Críticos (UCI e REA) .

O obxectivo é realizar un diagnóstico rápido da infección, adecuar o tratamento antibiótico, promover o seu uso racional, traballar na prevención das infeccións intrahospitalarias e deseñar e avaliar indicadores de consumo e de resistencias. Os novos antibióticos precisan da aprobación do seu protocolo de uso, por parte da Comisión de Infeccións e unha vez prescritos é o "Equipo PROA" o que realiza o seguemento dos tratamentos.

Desde a súa creación no ano 2014, existe una clara tendencia á baixa no consumo de antibióticos nos hospitais da área. Así, segundo os datos do Sergas correspondentes ao consumo dos hospitais das distintas áreas sanitarias, Ourense é despois de Ferrol a de menor consumo. Esta tendencia repítese nos últimos tres anos.

O antibiótico máis consumido foi Amoxicilina/clavulánico (33% do total)

"Imos polo bo camiño" di Pilar Rodríguez, farmaceútica hospitalaria e membro do PROA de Ourense, pero considera que aínda queda marxe de mellora "acortando a duración dos tratamentos e adaptando o antes posible o espectro ao resultado dos cultivos" dí a especialista.

Por elo os integrantes do equipo elaboraron un documento informativo orientado a optimización da prescrición de antibióticos, co obxectivo de minimizar os seus efectos adversos e controlar a aparición de resistencias, que se distribuíu hoxe a entre todos os facultativos e facultativas da Área Sanitaria, desde a subdirección de Farmacia, coincidindo co Día Europeo para o Uso Prudente dos Antibióticos.

Evitar efectos adversos

Para Pilar Rodríguez, un dos problemas clave é a sobreprescrición, en gran medida debido á falsa creenza de seguridade libre de efectos adversos, tanto por parte da poboación, como as veces por parte dos propios médicos, "moitas veces é difícil entender a asociación entre tomar un antibiótico e os efectos adversos" explica a especialista, porque "poden aparecer máis tarde, cando xa rematou o tratamento, como é o caso das alteracións da flora bacteriana (microbioma) ou resistencias futuras".

Esta falsa sensación de "seguridade" da lugar a que se prolonguen os tratamentos máis alá do que recomendan as guías de práctica clínica, polo que cada día de tratamento innecesario supón un risco e contribúe a aparición de microorganismos resistentes.

Manter a eficacia dos antibióticos

A resistencia aos antibióticos é un problema mundial que está en expansión, debido a dúas circunstancias. Dunha banda, o mellor acceso aos antibióticos, fomenta tamén un maior uso, mesmo o seu uso inapropiado, o que impulsa a resistencia. Doutra, a intensificación da produción de alimentos de orixe animal, fomenta o uso de antibióticos na agricultura e na gandería que, de novo, impulsa a resistencia.

O obxectivo do Día Europeo para o Uso Prudente do Antibiótico é sensibilizar sobre a ameaza que a resistencia ós antibióticos supón para a saúde pública, e fomentar o seu emprego prudente. Usar os antibióticos con prudencia pode axudar a deter o desenvolvemento de bacterias resistentes e a conseguir que os antibióticos manteñan a súa eficacia para as xeracións futuras.

De cara a poboación xeral a mensaxe clave é usalos só se son receitados por un médico, completar sempre o tratamento prescrito, aínda que xa se atope ben e non almacenar envases ou doses sobrantes nin por suposto compartilos.

Dous de cada cinco ourensáns empregaron antibióticos no que vai de ano