
Cada ourensán ou ourensana fai unha media de 14 consultas ao ano en calquera do preto dun centenar de centros de saúde e 14 Puntos de Atención Continuada da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, nos que o pasado ano 2021 atenderon 4.406.665 consultas, 159.150 delas urxentes.
Atención Primaria é un gran equipo multidisciplinar, formado por persoal médico, de enfermería, pediatría, odontoloxía, farmacia, hixiene dental, matronas, traballo social, de coidados auxiliares de enfermería, de fisioterapia, administrativo e de servizos xerais, ao servizo da atención integral e de proximidade en todas as etapas da vida das persoas.
O lema deste ano "Unha Atención de Primeira" reflicte non só o a proximidade e carácter de porta de acceso ao sistema de saúde da primaria, senón tamén a súa calidade e indispensable papel dentro do sistema público de saúde, e que convirte ao sistema nacional de saúde, e ao galego en particular, nun dos mellores do mundo, con acceso a historia clínica electrónica, capacidade resolutiva, acceso directo a unha ampla carteira de probas diagnósticas ou implantación de novas tecnoloxías para a mellora da accesibilidade como TELEA, SergasMóbil e un longo etcétera.
Destas novidades a máis recente é a implantación da plataforma de atención ao usuario CRM100 nos seis centros de saúde de Ourense (A Cuña, Valle Inclán, Novoa Santos-Couto A Ponte e A Carballeira) no de O Barco de Valdeorras e Verín. O que permite ao 50% da poboación da provincia beneficiarse deste sistema que permite captar chamadas perdidas ao centro de saúde, devolvelas e poder así atender a todos os usuarios que contactan telefónicamente.
Os resultados de implantación na nosa Área están a ser moi efectivos, cunha porcentaxe de practicamente o 100% das chamadas devoltas e sempre no mesmo día, incluso nun tempo inferior a unha hora. Resultados nos que hai que destacar a implicación do persoal administrativo.
A mellora deste sistema telefónico, que se desenvolveu durante o período máis agudo da pandemia, cando os centros recibían un volume de chamadas imposible de asumir pola propia capacidade das liñas, permite dar resposta a cidadanía nun dos medios de consulta, a telefónica, elixida cada vez máis polos propios usuarios ou para axilizar información ou trámites. Non sí a presencial segue sendo a maioritaria na nosa área, cunha media do 60% das consultas, ainda que nalgúns centros rondan o 90%.
Plans de saúde
Ourense implantará este ano plans de saúde local nos Servizos de Atención Primaria de Xinzo de Limia e Castro Caldelas, que formarán parte dos primeiros 14 que se poñen en marcha en Galicia. Paralelamente este mesmo ano implantarase o programa XIDE (Xestión Integral da Demanda). XIDE permite canalizar as demandas da cidadanía, directamente cara ao profesional máis axeitado a cada necesidade, co obxectivo de axilizar a citación e ofrecer consultas máis resolutivas, evitando duplicidade de citas ou consultas.
Coa pilotaxe realizada do programa XIDE, o Servizo Galego de Saúde detectou que ao redor do 50 % das consultas non programadas, que entran cada día nun centro de saúde non requiren necesariamente a intervención dun médico; que case un 30% poden ser atendidas de xeito directo por persoal de enfermaría e outro 15% por categorías como o farmacéutico de atención primaria, o traballador social, o odontólogo ou o propio persoal administrativo.
XIDE dará resposta por tanto a unha histórica demanda de organización das axendas evitando sobrecargar a algúns profesionais con trámites que non lles corresponden e organizando a demanda entre todo o equipo de atención primaria, recollido nos plans de saúde que definen un un programa coordinado de acción entre todos os profesionais do centro.