jueves. 28.03.2024
BNG urxe o o arranxo e reparación urxente do firme da N-120 en Valdeorras

O Bloque Nacionalista Galego rexistra iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado repare e mellore a N-120 a través dunha partida orzamentaria específica suficiente que inclúa a reparación do firme nos tramos máis perigosos e con maior desgaste.

O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama que comecen as obras canto antes e se desenvolvan na maior brevidade para avanzar na mellora integral da vía e que se manteña no tempo.

En opinión de Néstor Rego, debe priorizarse a reparación e a optimización da única arteria de circulación existente. «A N-120 conta con tramos moi perigosos e cun trazado en moi mal estado que precisa ser reparado, así como aumentar os carrís onde fose posíbel». 

O desdobramento debe facerse onde sexa imprescindíbel e factíbel pola «proximidade das vivendas a vía en moitos tramos, o que podería xerar problemas de seguranza. A prioridade, en todo caso, debe ser a redución de accidentes, que a vía sexa moderna mais segura e integrada no seu entorno».

A formación nacionalista fai especial fincapé nos tramos en Valdeorras entre Rubiá e O Barco, o traxecto entre O Barco até A Rúa, Quiroga e A Pobra do Brollón. 

«Cunha pirámide de poboación descendente e con enormes dificultades socioeconómicas agravadas pola crise sanitaria e a perda de servizos públicos comarcais, é preciso e primordial atender ao desenvolvemento dos territorios que as conectan» enfatiza Rego.

Unha comunicación áxil permitiría minimizar as consecuencias da dispersión poboacional e tamén axudaría a pór freo ao proceso de baleirado do medio rural. «É imprescindíbel ter unha rede viaria en condicións adecuadas que permitan a atención das xestións cotiás e a mellora das actividades turísticas, comerciais e industriais» conclúe o deputado nacionalista.

BNG urxe o o arranxo e reparación urxente do firme da N-120 en Valdeorras