viernes. 29.03.2024

A nacionalista criticou o uso do  “telediagnóstico” con  profesionais de garda en Ourense

A deputada do BNG, María González Albert levou ao Parlamento, a través dunha pregunta ao goberno, a falta de facultativos de radiodiagnóstico na Eoxi  Ourense, Verín, Barco de Valdeorras e preguntou ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña cando se incorporarán os profesionais  desta  especialidade  tamén nos centros de Verín e Ourense.

A nacionalista criticou o uso do  “telediagnóstico” con  profesionais de garda en Ourense que informan a distancia sobre TACs con contraste feitos no Barco. Iso si, dixo,  «sempre que o médico de urxencias no Barco asuma a responsabilidade no caso de calquera problema».

Por outra parte, engadiu a deputada, existe unha normalización dos desprazamentos en ambulancia a Ourense para ecografías habendo ecógrafo no Barco, circunstancia que cualificou de “barbaridade” tendo en conta que en Valdeorras hai unha única ambulancia para os traslados.

«Esta situación de precariedade» recalcou González Albert, «perdurará no tempo» até a adxudicación dos destinos na vindeira OPE, e tendo en conta que «probablemente teña lugar no verán e non se resolva até o vindeiro inverno, a perspectiva é dun  ano enteiro». Ante o anuncio da consellería sobre «unha oferta de contratos de longa duración para cubrir as prazas do Barco» mentres non se resolve a OPE, a deputada preguntou «que clase de contratos en precario ofertaban até agora  se pensan que con ese único incentivo as profesionais se desprazarán até o Barco».

A deputada insistiu na importancia do servizo de radioloxía que soporta o 80% dos diagnósticos hospitalarios e tras a  intervención do conselleiro, a nacionalista reiterou que «as valdeorresas e valdeorreses coñecían o deterioro asistencial do  hospital coa perda de  profesionais e servizos consolidados como o de: dermatoloxía, trauma, preventiva,  ou rehabilitación». Desde a supresión da área sanitaria «executada polo Partido Popular  Valdeorras converteuse no “parruliño feo” do sistema sanitario galego e  a problemática co servizo de radiodiagnóstico non fai máis que afondar neste deterioro».



A deputada do BNG  pediu ao  conselleiro «un cambio de rumbo» nas políticas dos hospitais comarcais e valorar  a saúde das cidadás e cidadáns que dependen deles. O seu antecesor no cargo fixo un traballo absolutamente «demoledor e descentralizado» do sistema de saúde coas áreas sanitarias. «Valoricen e incentiven ás profesionais para que ocupen prazas nestes hospitais. Incentívenas con contratos de longa duración, con maiores puntuacións,, bonificacións curriculares, e melloras dos horarios... Defendan a integridade do noso sistema sanitario porque  a saúde é un dereito básico e universal», concluíu.

Albert levou ao Parlamento a falta de facultativos de radiodiagnóstico