jueves. 04.12.2025

Estas son as seis candidatas a Palabra do Ano 2025 en galego

As finalistas escollidas son «desfeita», «foliada», «loia», «lume», «retrinco» e «xenocidio». Seis termos que, segundo explican as entidades organizadoras, dialogan coa actualidade do último ano e reflicten tanto preocupacións sociais como espazos de celebración e identidade.
Sobradelo rodeada polo lume (9)
Estas son as seis candidatas a Palabra do Ano 2025 en galego

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié acaban de abrir a votación popular que decidirá cal será a Palabra do Ano 2025, unha iniciativa que cada mes de decembro mobiliza milleiros de persoas a través do Portal das Palabras. A votación permanecerá aberta ata o domingo 21 de decembro ás 23:59 horas.

As finalistas escollidas tras a fase de recollida de suxestións son «desfeita», «foliada», «loia», «lume», «retrinco» e «xenocidio». Seis termos que, segundo explican as entidades organizadoras, dialogan coa actualidade do último ano e reflicten tanto preocupacións sociais como espazos de celebración e identidade. 

Entre elas atópase desfeita, unha palabra patrimonial que o Dicionario da RAG define como «grave dano, destrución, estrago». Fronte a anglicismos de uso estendido, a Academia lembra que continúa viva na fala e que procede do verbo desfacer.

Tamén figura loia, empregada na súa acepción tradicional de «loanza enganosa», pero que na actualidade se consolidou como alternativa galega a fake news, igual ca «loiada». Ambas derivan do latín laudāre.

Outra das máis repetidas polo público foi lume, unha das voces máis presentes no verán polos grandes incendios forestais. O termo procede do latín lūmen e simboliza unha das principais preocupacións ambientais do país.

En clave internacional destaca xenocidio, definido como a «exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos». O seu uso multiplicouse este ano en relación con Gaza, indican desde o Portal das Palabras.

Pero non todo é negativo entre as candidatas. Foliada, que recolle o espírito festivo das Letras Galegas dedicadas á poesía oral popular, foi unha das máis suxeridas. Significa «reunión nocturna para divertirse, cantar e bailar» e comparte espazo con sinónimos tan nosos como ruada, xolda ou esmorga.

A lista complétase con retrinco, unha palabra ligada a Castelao —que publicou en 1934 o libro Retrincos— e definida como «cada un dos anacos que sobran dunha cousa» ou «espazo moi breve de tempo». Na era dos clips e dos reels, as entidades apuntan que podería reinterpretarse como alternativa para nomear fragmentos audiovisuais breves.

A iniciativa enmárcase na colaboración entre a RAG e a Fundación Barrié para divulgar o léxico galego a través do Portal das Palabras e do Ximnasio Léxico, a aplicación de xogos lingüísticos para móbiles. Desde 2014, a elección da Palabra do Ano conta coa participación cidadá e deixou termos gañadores como cantareira (2024), cibercarracho (2023) ou sentidiño (2019).  

Os votos xa se poden emitir en portaldaspalabras.gal ata o 21 de decembro.

Estas son as seis candidatas a Palabra do Ano 2025 en galego